Necesita Galiza o nacionalismo?

Francisco Rodríguez TRIBUNA

OPINIÓN

05 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Comezarei por dicir que, malia a súa relevancia política incuestionábel e a súa influencia determinante, a curto prazo, uns resultados electorais non poden valer para facer xuízos absolutos sobre a dinámica política de fondo dunha determinada sociedade, e moito menos, para facer un retrato ideolóxico estático da mesma. Pode acusarse, en nome dos resultados electorais últimos, o nacionalismo galego de non conectar cun segmento relevante do pobo galego. Certo. Como o é, que hai sectores que non o votan que recoñecen, con paradoxal actitude galega, a necesidade da súa presenza en ben do país. Igualmente, hai quen achaca os malos resultados electorais do nacionalismo galego á súa defensa estratéxica do obxectivo da soberanía ou da independencia da Galiza, recomendándolle como medicina salvadora, non superar un morno autonomismo. Na actuación política, non ter presente como está o estado da conciencia social, é un erro grave. Porén, é unha pretensión inútil, obviar ou agochar a túa alternativa, ocultala á mantenta, porque acabará coa túa razón de ser. Polo demais, asumamos que a forma de encarar os problemas concretos dunha sociedade está determinada, condicionada, pola ideoloxía que se profesa. Mesmamente, nas nacións sen Estado, depende de se hai nacionalismo ou non relevante, para os problemas e as solucións vérense e enunciárense, ou non.

Nos últimos anos, unha serie de factores reforzaron a súa incidencia negativa na conciencia do pobo galego: a) a experiencia de o marco autonómico non ter redundado nunha mudanza positiva de Galiza nin no plano material nin no da súa dignidade e vontade política; b) a consumación da eliminación do mundo labrego como referencia, en consonancia coa case desaparición do sector agrario c) o retroceso cuantitativo de usos do idioma galego, e o reforzamento do desprezo e a hostilidade prácticas contra el; d) unha máis extensa e intensa inoculación da idea de non valermos nin podermos por nós mesmos, como se vivísemos subsidiados por España e a UE; e) práctica desaparición do afán emulador de vascos e cataláns, substituída por un españolismo que nos converte nunha caricatura esperpéntica, feiras de abril e xenreira anticatalá incluídas; f) un descoñecemento e desvalorización da propia realidade, afogada por unha falsa visión virtual do mundo onde todos parecemos ser iguais?.

É moi frecuente escoitar como réplica en boca de galegos e galegas, cando intentamos subliñar os nosos males, que tamén nos demais sitios están mal e teñen problemas? Esta tendencia é reforzada polos partidos políticos estatais, obviando sempre as causas reais dos nosos. Estas causas son políticas, atinxen de maneira moi específica Galiza e derivan do deseño do Estado español e da UE. Demografía en regresión, con envellecemento agudo, emigración, cativa agricultura, monocultivo forestal, industria en retroceso, espolio da enerxía e do aforro, falta de peso político, en contraste con unha forte personalidade cultural e traxectoria histórica ben agochadas e ignoradas, desleixo desprezativo co patrimonio histórico, artístico e natural, ignorancia sobre si mesma? Eis o resultado, que tanto ten a ver, nas súas consecuencias, co que chaman as cousas de comer (paro, baixos salarios, pensións máis baixas? ).

O que non se pode esperar é que a nosa redención sexa incentivada polos que, como moito, consideran que somos un apéndice da política española, e que nunca debemos deixar de selo. Negar esta vía como real non significa indisposición a estabelecer acordos tácticos con forzas políticas estatais en función de obxectivos compartidos, xa para gobernar, xa para reivindicar, pero desde a capacidade de enuncialos e decidir desde a nosa perspectiva, a dun pobo que existe e a dunha realidade diferente? Existe un sector convencido, por motivos de fondo e por constatación do que acontece, de a Galiza, o pobo galego, teren a súa única esperanza real, xustamente na vía que, nestes momentos, se resiste a probar, a dela propia? O nacionalismo, como o país, está nunha situación crítica e delicada. Porén, coido que hai capacidade para enfrontala e vontade para superala. É unha necesidade do pobo galego.