Castelao e Mandela, nacionalistas

Xavier Campos TRIBUNA

OPINIÓN

26 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O BNG agradece poder responder a un texto que non ten reparo en cualificar o nacionalismo de «auténtica indecencia que debe ser combatida a diario sen descanso», nun artigo de Roberto Blanco Valdés publicado o pasado 19 de abril baixo o título Nacionalismos: nuestro castigo cotidiano.

O éxito de calquera adoutrinamento reside xustamente na súa aparente inexistencia. Sinalábao Bourdieu: o pensamento hexemónico prescinde de calquera xustificación propia e simplemente imponse como neutro. O españolismo, por iso, non se recoñece nin define como tal. Dedícase simplemente a caricaturizar os demais. Faino porque sabe que a loita ideolóxica e política é, en boa medida, unha loita polo significado das palabras e dos conceptos. Ser nacionalista é traballar para construír libre e democraticamente a nación; esixir o dereito do demos a poder decidir o seu presente e o seu futuro; defender que a soberanía reside no pobo que a conforma e non nos grandes poderes. Ser nacionalista é solicitar o recoñecemento dun dereito democrático básico: o dereito a existir e a decidir nós no noso en tanto sociedade con identidade propia e vontade de ser.

Pola contra, equiparar opresores e oprimidos, ignorar a súa posición diferente e os seus obxectivos antagónicos supón xogar ao confusionismo e decantarse do lado do supremacismo e da desigualdade.

O BNG é nacionalista porque queremos unha Galiza próspera, con futuro, xusta e solidaria, orgullosa do seu e aberta ao mundo. Para logralo, precisamos responsabilizarnos das decisións que nos afectan como pobo. Somos unha sociedade adulta, consciente, preparada e capaz para facelo. Temos dereito a vivir nun país diferente, a querer construír a Galiza das oportunidades, un país moderno que cree riqueza e emprego a partir dos seus recursos, e que garanta que ninguén vai quedar tirado por moito que a vida se lle torza. Queremos un país do que non haxa que emigrar para buscar a vida, e no que poidamos facer a nosa sendo quen somos.

Quizais isto ao articulista lle pareza unha indecencia. E quizais lle parezan indecentes Castelao, Bóveda ou Mandela, exemplos de persoas que se definiron como nacionalistas. Eles si o eran, Blanco Valdés obviamente non. Porque o nacionalismo é unha ferramenta dos pobos fronte a opresión. A defensa do propio sen ir contra ninguén. Podermos ser nós, nin mellores nin peores que os demais. Pola contra o outro é, en función das versións que adopta, chauvinismo, españolismo, xacobinismo, colonialismo, imperialismo.

As carencias argumentais de artigos como o citado non os volve menos eficaces na transmisión ideolóxica. Con todo, poderiamos ter aforrado a réplica e simplemente citar as palabras de Lois Peña Novo, no xornal A Nosa Terra o 1 de novembro de 1922:

«O nacionalismo é unha afirmación: a afirmación da existencia propia; é unha creación: a creación do pensamento propio;  é unha acción: a acción complementaria do pensamento; é pois sempre un amor, expansivo e creador como todos os amores. Por iso o nacionalismo sempre é un apostolado fecundo e nunca un sectarismo intransixente. Cando berro ‘Viva Galiza Libre!’ non fago máis que reclamar para a miña Terra vida e liberdade; e ao reclamar para a miña Terra estes dereitos veño a recoñecer tamén os mesmos dereitos para todas as demais terras. É pois, un berro de amor, un berro de irmandade».