Luz Pozo e o cabaleiro Galahad

OPINIÓN

23 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao rematar a homenaxe que a Academia fixo á poeta Luz Pozo o pasado venres, día 21, en que cumpría 95 anos, preguntábame cantos actos de tan altísimo nivel se celebrarán en Madrid, París ou Nova York ao longo do ano e, canto máis o pensaba, máis certo estaba de que serán moi poucos. As intervencións, ademais de eloxiar a obra poética da homenaxeada, coincidiron en subliñar que o grande amor que viviu co tamén poeta Eduardo Moreiras inspiroulle os mellores versos. Dese amor falou publicamente Luz Pozo en incontábeis ocasións, pero nunca como comigo no ano 1997, cando a entrevistei para a sección Riscos, que facía neste xornal. Teño aquela serie polo meu mellor traballo periodístico e Luz debía de coincidir na valoración porque na conversa que mantivemos na súa casa abriu o corazón e deixou saír os recordos e os sentimentos máis íntimos. Ao rematar, eu sabía que naquelas notas levaba unha entrevista diferente e, despois, cando na redacción lle dei a forma definitiva, souben que non a superaría ningunha outra. Leveilla a Luz e emocionouse ata as bágoas. Recoñeceuse totalmente e sentiuse leda porque dicía o que sempre quixera dicir. Dous días despois a entrevista sería publicada a toda páxina, coa correspondente caricatura.

 Pasaron as horas e Luz empezou a pensar que aquelas declaracións súas farían dano ao primeiro marido, a quen respectaba e quería; chegou á convición de que non debería publicala e ás once da noite chamoume ao periódico para dicirmo, pero non me atopou. Falou co telefonista e pediulle, suplicoulle, que lle dese o teléfono da miña casa porque necesitaba falar comigo urxentemente. Non tivo éxito e perdeu os nervios. Anguriada, púxose a rezar e á unha da mañá chamou de novo ao meu teléfono de La Voz e eu respondín. Fora cear cuns amigos e antes de volver a casa pasei pola redacción para recoller algo que esquecera. Luz, muller crente, tívoo por milagre.

O día seguinte volvín á súa casa, fixemos outra entrevista e saíu publicada. Desde entón Luz di que son o seu cabaleiro, o seu Galahad. Gustaríame publicar hoxe, como agasallo a Luz Pozo, aquela primeira entrevista, pero perdina cando La Voz pasou de Concepción Arenal a Sabón. Desapareceu do ordenador como desapareceron do meu estudo algúns debuxos irrepetíbeis. Nunca entendín aqueles extravíos e cheguei á conclusión de que eran demasiado bos para ser meus.

Cando na redacción lle dei á entrevista a forma definitiva, souben que non a superaría ningunha outra