Toque de queda: estamos en guerra?

OPINIÓN

Manuel Ángel Laya

27 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Algúns aínda lembramos Os Resentidos a comezos dos noventa, cantando aquilo de «sitio distinto, estamos en guerra!», que facía parte do himno da República do Sitio Distinto. Case trinta anos despois estamos a vivir unha situación pandémica que pon a proba a capacidade do Estado de dereito para xestionar unha crise sanitaria, con precedentes lonxanos na gripe española de 1918-20.

Medidas como a restrición de mobilidade nocturna impostas o domingo polo Goberno central, incluídas no estado de alarma, son quizais aconsellábeis dende o punto de vista sanitario. Mais o termo que xa se xeneralizou, toque de queda, na prensa de todas as cores -que non nas institucións- é unha mostra máis da retórica bélica que constituíu xa dende mediados de marzo un sinal diferencial da xestión da loita contra do covid-19 por parte das autoridades españolas. Mais o que daquela viña ser unha estratexia subliminar para concienciar a poboación para seguir as normas, procurando unha causa común de derrotar un inimigo difuso e omnipresente, o virus (chinés, para algúns, por tanto estranxeiro), agora parécese converter, nun efecto bumerán, nun termo evocador doutras realidades, que talvez se volva contra da propia medida.

O termo toque de queda ten abofé connotacións sinistras: golpes militares, estados de excepción, retagardas dunha sociedade en guerra. Trae á mente imaxes de tropas patrullando as rúas, detencións e mesmo execucións de cidadáns que ousan saír da casa logo da hora permitida… Para uns poden evocar o golpe de estado do 23-F, para outros máis (a maioría) videoxogos e películas de ficción. Para quen vivisen as ditaduras sudamericanas dos anos setenta, secuestros impunes de persoas logo desaparecidas.

Mais as palabras teñen un carácter performativo: moldean a percepción da realidade por parte da cidadanía. O uso da linguaxe non é inocente, e sen dúbida a expresión toque de queda vén engadir dramatismo á situación, para uns, mentres para outros devén nunha arma de guerra propagandística contra do Goberno central, acusándoo de autoritario.

Para os coronaidiotas, que de todo hai, un chanzo máis na ascensión cara a unha ditadura pablista-arredista. Porén: é un toque de queda? Os xuristas argumentarán que iso acompaña a unha lei marcial ou estado de excepción, á suspensión de dereitos fundamentais, a situacións excepcionais (catástrofes, guerras… necesidade de evitar saqueos e caos), á mobilización do exército. O que se propón é unha restrición de mobilidade nocturna, vixiada polas forzas de orde pública. Non funcionará pola vía da coerción, senón pola da persuasión. Pois: quen garante que as festas non duren de 22.59 ás 6.01 horas?

A medida semella ser un apelo á consciencia cívica colectiva, que veremos se é eficiente. En todo caso, desengánense os catastrofistas: o toque de queda nas ditaduras é outra cousa.