Máis madeira!

Gaspar Méndez ECONOMISTA. PROFESOR DE XEOGRAFÍA E HISTORIA NO IES LUCUS AUGUSTI DE LUGO

OPINIÓN

CAROLINE BLUMBERG | EFE

16 ago 2022 . Actualizado a las 12:35 h.

Sorprendíase un compañeiro de café ante a miña visión, segundo el, pouco economicista, por ser favorable ao mantemento dos colexios en lugares como Seoane de Courel, San Román de Cervantes e outros nos que chega a haber máis profesores que alumnos.

Argumentaba eu que estas políticas de mantemento de servizos no mundo rural realmente acaban aforrando moito diñeiro á Administración porque son as que verdadeiramente contribúen a fixar poboación. Someter a uns nenos a traxectos de máis dunha hora por estradas de montaña é moi sacrificado, e sacalos das súas familias resulta inhumano.

Tamén defendía que o transporte escolar o fixesen os taxistas locais, en vez de as grandes empresas de transporte, por idénticos motivos.

A vida na aldea xa é moi dura de por si para que, por riba, se poñan atrancos aos sufridos habitantes do medio rural. Non ten sentido aforrar diñeiro en servizos e despois gastalo en supostas e xenéricas «políticas de fixación de poboación».

Pero non só se trata de facilitar a vida na Arcadia rural. Máis importante que todo iso é non penalizar á xente que ten no campo o seu medio de vida. Someter a regulación, control e/ou autorización administrativa previa, por parte de técnicos urbanitas, a maior parte das tarefas agrícolas e forestais non parece axudar moito neste sentido.

Ese exceso de regulación acaba provocando un certo esgotamento e constitúe un máis dos múltiples factores que promoven o éxodo rural.

Que ten que ver todo isto coa recente praga de incendios forestais que asolan Galicia? Pois ten, e moito, xa que é a poboación rural a que mantén a paisaxe e a que, se lle deixan, podería manter o monte limpo.

Hai máis de vinte anos oínlle comentar a Paco Macías, o editor de Positivas, que se aveciñaban grandes desgrazas porque o monte estaba chegando á porta das casas. Empezaba a chegar naquela época e chega agora mesmo. E chega porque non ha xente nas aldeas, pero tamén porque á pouca que queda, e aos que volvemos case decotío, non nos deixan tocar ao monte sen non sei cantos permisos. Eu persoalmente paso unha xornada laboral enteira en rozar anualmente o meu souto, e iso que é pequeno, pero, cando o fago, nunca sei se estou facendo algo mal ou se vai a aparecer algún axente forestal, ou do Seprona, a sancionarme por algo. E total para coller catro castañas!

Os montes arden porque están cheos de combustible. Están así porque aos paisanos non lles deixan tocar neles, e a Administración non ten cartos para pagar, nin capacidade para xestionar, quen os roce todos.

Lembrando aquela mítica frase de Groucho na película Os irmáns Marx no Oeste, con tanta regulamentación e con tanto abandono do mundo rural o que estamos facendo e botarlle aos incendios «máis madeira».