A fundación permite descargar as súas obras e documentos na rede
25 mar 2012 . Actualizado a las 07:03 h.A Fundación Vicente Risco é unha das entidades das súas características que maior número de iniciativas e proxectos desenvolve ao longo do ano en Galicia, senón a que máis. Aos cursos universitarios, exposicións, presentacións, edicións de publicacións propias ou en colaboración (o proxecto máis recente é a edición de Pan Negro en galego, en libro e deuvedé) e outras propostas, a fundación engade agora unha nova iniciativa: o acceso ás obras de Vicente Risco en rede e de forma totalmente gratuita para que se podan consultar ou descargar en formato pdf, por unha banda, e aos documentos que forman parte do fondo da entidade, dispoñibles no mesmo formato e características.
De Dédalus a «O porco de pé»
Na páxina web da fundación (www.fundacionvicenterisco.com) habilitouse un acceso, no apartado que figura baixo o nome de «interactivo», denominado «Textos de Vicente Risco». Ao entrar no mesmo o internatua ten a posibilidade de consultar ou imprimir 32 obras ou coleccións de textos do autor.
Nesta sección foron incorporados textos de referencia de Risco e algunhas das súas obras máis senlleiras. Dende estudos como a Historia de Galicia, Mitteleuropa, Satanás. Historia do diablo, El problema político de Galicia, Teoría do nacionalismo galego, Os europeos en Abrantes ou El Oriente contado con sencillez a obras como O porco de pé, Dédalus en Compostela (en galego e nas súas versións en francés, inglés, alemán e castelán) ou O lobo da xente. Os artigos que asinou nas revistas Céltiga e La Zarpa tamén están dispoñibles neste enlace.
Ademais do apartado referido aos textos de Vicente Risco, tamén se poden descargar de forma gratuita outros materiais, clasificados nas seccións Unidades didácticas, Estudos sobre Vicente Risco, Estudos sobre Antón Risco, Exposicións, Cine e Publicacións.
Na páxina da Fundación Risco, neste caso na banda esquerda e baixo a lenda «Consulta de fondos», tamén se poden descargar os documentos, debuxos e outros materiais do fondo da fundación. O buscador é semellante ao que se emprega na Rede de Bibliotecas de Galicia e o documento pódese buscar escribindo o nome do persoeiro (Castelao, Cuevillas, etc.) ou o tema elexido (nacionalismo, oriente, etc). A fundación seguirá a incorporar progresivamente fondos á páxina.