Ramón Caride: «Hoxe poría ao personaxe a loitar contra a corrupción política»

La Voz

FIRMAS

25 mar 2014 . Actualizado a las 06:00 h.

O Capitán Aspanitas ten tamén o seu propio libro. Escribiuno Ramón Caride (Cea, 1957). O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas (Xerais, 2013) tivo unha notable acollida polos pequenos lectores aos que vai dirixido, a partir de oito anos. Para o escritor non era un público descoñecido, xa que entre a súa abondosa obra, hai un capítulo importante, con máis de vinte títulos, de narrativa infantil. Pero, como el mesmo recoñece, si era a primeira vez que se enfrontaba ao reto de escribir un libro por encargo e, por riba, cos personaxes xa definidos: o propio superheroe e catro rapaces que o acompañan.

-¿Cómo foi a experiencia?

-Pois a verdade é que me gustou. Pasáronme o material que tiñan, as curtametraxes de animación e os pequenos anuncios feitos co persoaxe real e eu intentei recoller o espírito de todo ese traballo e crear unha aventura sinxela e ao mesmo tempo interesante de ler. Tamén me atraía o feito de poder ubicar a historia no casco vello, que me parece que é bastante descoñecido, e achegarlle aos pequenos o Ourense monumental e ao mesmo tempo facer unha pequena guía das zonas termais. Motivados polo libro xa estiven con rapaces de Muros e Bertamiráns que organizaron excursións para coñecer a cidade, cousa que me comprace.

-¿Non limita o espírito do creador o traballar con tantos elementos predefinidos?

-Pois por un lado si, pero por outro tamén adiantas traballo. Xa sabes que personaxes hai e o que se trata é de afondar neles. Variei algo a historia orixinal do heroe, que no libro non é un elemento independente, senón que aparece como resultado da confabulación dos catro nenos. Facer o libro foi moi divertido, incluso sóubome a pouco. Chegou un momento que me din conta que xa me pasara de páxinas.

-¿Pensa que é un personaxe que pode dar xogo ós creativos?

-Penso que incluso pode dar unha serie. Ten ese carácter que permite darlle un recorrido, e de feito o libro está funcionando fora de Ourense onde non hai lugares cos que se podan sentir identificados por o tema do termalismo. Eu por exemplo creo que seguiría. Non desboto facer máis aventuras do Capitán Aspanitas.

-¿Por que decidiu ubicar a aventura nas Burgas?

-Para min é sempre moi interesante partir de situacións reais. A literatura sempre permite explicar a realidade. E tíveno claro por que fora ese episodio tan espectacular, cando As Burgas deixaran de botar auga, así que mo puxeron en bandexa.

-¿E onde o colocaría na segunda?

-Ao mellor eu hoxe poría ao personaxe a loitar contra a corrupción, que ademais agora está moi de moda (ri). E a verdade é que non está mal empezar xa a educar nese senso ás novas xeracións dende pequenos.