«Había un oco que encher sobre a historia de Viana do Bolo»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

OURENSE

Vén de publicar «Ilustres» en formato electrónico e xa busca editorial para pasalo ao papel nos próximos meses

08 abr 2014 . Actualizado a las 06:45 h.

Fai dous anos, Carlos Ares (Viana do Bolo, 1971) recordou o que lle pasara a el cando era estudante, a imposibilidade de estudar sobre a historia da súa localidade natal porque non había nada escrito. Púxose a investigar e xurdiu Ilustres, o libro que acaba de publicar en formato ebook co apoio do IES Carlos Casares e para o que xa busca editorial co que pasalo ao papel.

-¿Cría que faltaba un libro así?

-Cría que había un oco que encher, porque tiñamos moito sobre cousas de Viana de primeiro de século, a historia de Charo Castells, pero despois non había nada. Fíxeno tamén pensando nos rapaces do instituto, para se querían estudar algo sobre a historia de Viana, que tiveran un soporte. Eu vin naquel tempo, cando era estudante, que podía estudar historia sobre calquera sitio, pero non de Viana.

-Un proxecto que lle gustou ao instituto, que axudou na publicación como ebook, e cos que vostede colabora tamén.

-Si, eu non quería sacar beneficio algún, así que llo regalei a eles, ao instituto. Todo o que se recade está doado a Escuelas de la Tierra, o proxecto que o instituto ten en Bolivia [cos 550 euros recadados ata o momento, páganse dúas bolsas anuais].

-Se non había moito escrito, ¿non sería fácil atopar a documentación?

-Non foi nada fácil porque non hai moito onde buscar, fundamentalmente en bibliotecas e internet. Tamén en diferentes libros que fun mercando, no Museo Arqueolóxico... E tamén sabedoría popular, de veciños que che van contando cousas. E como o libro ten parte de historia e de persoas que destaquei, cos vivos fun falando con eles, e dos demais, con fillos e familiares.

-Se non había moito escrito, ¿non sería fácil atopar a documentación?

-Busquei polos valores que representan, que teñan vinculación con Viana e os seus costumes. Son xente que axudaron a que Viana non quedara no esquecemento, porque nas súas propias capacidades para facer arte, volcáronas en Viana. Son os valores que representan. Non están todos os que son, pero son todos os que están.

-¿Unha especie de homenaxe?

-Si claro, a miña humilde homenaxe aos que contribuíron a que a cultura, o enxebrismo de Viana non quede no olvido.