A maior parte dos establecementos da capital non usan o galego cos clientes

Cándida Andaluz Corujo
C. Andaluz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Varios centros educativos participan nunha campaña de concienciación

24 ene 2015 . Actualizado a las 05:20 h.

Facer que o uso do idioma galego se normalice na cidade é un dos obxectivos dunha campaña posta en marcha polo Concello de Ourense coa colaboración da coordinadora galega de equipos de normalización e dinamización lingüística. Nesta primeira experiencia, que lidera a área de cultura, participan dez centros educativos da capital. Alumnos de Primaria e Secundaria comezaron en novembro unha serie de visitas a comercios dos seus barrios para tomar o pulso do uso do idioma nas tendas, restaurantes e resto de establecementos. Alí fixeron enquisas e repartiron pegatinas co lema da campaña, Nós atendemos en galego.

A iniciativa, que proseguirá ata o mes de febreiro, xa tivo as súas primeiras conclusións, entre elas que aínda que o comerciante fale galego, as primeiras palabras que dirixe ó cliente son en castelán, condicionando así a resposta e o resto da conversación. Así o explicou onte Mónica Fernández, coordinadora do servizo de normalización lingüística do Concello de Ourense, que presentou a iniciativa. Fernández subliñou, ademais, que a maioría dos comercios da capital non utilizan o galego cos seus clientes, pero que esta situación é moi similar noutros lugares de atención ó público como pode ser a mesma administración pública. «Os datos non son bos para o galego», dixo a concelleira de Cultura, Ana Garrido, que lembrou que nas últimas cifras publicadas sobre Ourense houbo unha perda notable de galegofalantes, criticando a política que neste senso activou a Xunta de Galicia.

Estudantes

Tamén destacou a redución do uso de galego no ensino e nos estudantes, sobre todo os máis novos. Unha afirmación ratificada por Paulino Peña, de Auria, a coordinadora provincial en defensa da lingua nos centros de ensino na capital e concellos limítrofes. Peña, que tamén é mestre, subliñou que na actualidade nótase, máis que nunca, a falta de coñecemento do idioma galego entre os cativos. Ese é o motivo polo que se involucrou ós estudantes na campaña, na que tamén reparten folletos nos que se anima ós comerciantes a usar o galego non só na fala, senón tamén nos menús dos restaurantes, nas listaxes de prezos, nas tarxetas comerciais, nas facturas e recibos ou nos anuncios publicitarios. Mónica Fernández tamén apuntou que hai moitos comerciantes que a pesar de falar en galego, escriben ou publican en castelán e que a iniciativa están tendo moi boa acollida nos establecementos onde xa acudiron os escolares. De momento serán mil as pegatinas e folletos que se repartirán pola cidade, aínda que dende o Concello non se descarta ampliar a campaña e incluso o abano de lugares onde se podería facer algo similar, como en administracións públicas, asociacións ou outros colectivos. Fernández criticou, por exemplo, que o cambio de lexislación en materia de facturación electrónica, que depende do Estado, non prevé, polo momento, a posibilidade de facelo en galego: «É un retroceso moi grande e facemos un chamamento dende aquí». A parte positiva está en Internet. Tanto Fernández como Peña destacaron que o galego está moi presente nas redes sociais e novas tecnoloxías, e que incluso supera a outras linguas no que ten que ver co seu uso.