«A falta dun planeamento en Ourense é un caos e un escándalo»

OURENSE

MIGUEL VILLAR

O arquitecto reivindica a singularidade da casa que queren derrubar en Reza

31 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Fernando Blanco Guerra foi debuxando a súa relación con Ourense no exercicio desa profesión que pasa por crear espazos para vivir e disfrutar, no privado e no público. O arquitecto mozo asinaba proxectos xunto a María Jesús Blanco -a conversa é recurrente «Chus e máis eu fixemos...», «Coa Chusa proxectei...»- dende o estudo da Praza do Ferro. Logo chegou a experiencia americana, a volta ao estudo do Ourense antigo, a entrada como profesor na Escola de Arquitectura da Coruña, logo na de Guimaraes... e sempre pintando, facendo gravado, expoñendo e creando esculturas. Algunhas condeadas ao esquecemento. El vira a traxedia artística en sorna, engadindo no seu currículo -á súa condición de arquitecto, profesor universitario e artista- un sarcástico «escultor de monumentos públicos desaparecidos». O carballiñés viu como no seu pobo retiraban a árbore de ferro instalada xunto ao Concello -«e por riba trocearona eses salvaxes»- e en Compostela a escultura creada para o Parlamento de Galicia.

Ao longo destes anos Fernando Blanco foi proxectando intervencións por toda a cidade: do desaparecido pub Irán e a galería Visol ás esculturas de Homenaxe á Xeración Nós no Campus ou a da promoción de vivendas de Prieto Nespereira. Pasando por edificios na cidade ou rehabilitacións no casco vello -como a do restaurante Porta da Pía-. Da experiencia de Prieto Nespereira non quedou satisfeito: «En principio o garaxe ía ser público e logo converteuse en privado, iso réstalle impacto á intervención porque só se poden ver as barras de cores que saen á superficie». Pola provincia pódense ver moitas das súas creacións, a adega Viña Meín ou os estabelecementos de turismo Dona Branca e Vilavella son algúns exemplos.

Sigue coa súa mirada lúcida e a súa expresión libre. Dóelle que Ourense non sexa máis sensible coa arquitectura «non se valora, nin aquí nin en ningunha outra parte de Galicia. Ao mellor algo na Coruña, porque está a Escola, pero tampouco moito». Como profesor de Proxectos en A Coruña, xa non viaxa a Portugal, reivindica a reconstrucción: «Propóñolle aos alumnos coller un edificio vello e ver como podemos reconvertir iso nun espazo habitábel». E cre que non se pode seguir co caos da falta de planeamento na maior parte do territorio de Galicia «ou casos como o de Ourense, que é un caos e un escándalo».

Da escultura de Nós a Reza

Á hora de elexir un lugar emblemático resolveu a dúbida entre os dous que para el son significativos da cidade a favor do grupo escultórico da Xeración Nós. Os acontecementos provocaron o trasacordo: o lugar tiña que ser Reza, onde se atopa a vivenda que creou para Rosa e Miguel. Recoñece a carraxe e a raiba que o teñen desacougado dende hai tempo porque hai unha orde de derrubo da vivenda (estanse a recoller apoios para evitalo) que lle proxectou aos amigos: «É unha inxustiza e unha persecución».