Serafín González Prieto: «Imos un paso por detrás do lume, hai que desenvolver o medio rural»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Serafín González Prieto, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural
Serafín González Prieto, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural Sandra Alonso

Para o investigador, e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, a provincia é a que mellor está de Galicia en canto á natureza

15 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Serafín González Prieto (Ourense, 1961) é un divulgador nato. Un investigador comprometido coa natureza que fai súa a máxima de que o seu deber é compartir coa sociedade o seu coñecemento e aportar a súa axuda onde sexa necesario, como unha maneira de devolver ao ben común e á cidadanía o que recibe na súa condición de traballador do Estado. Dende hai 28 anos é presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), entidade que está a celebrar o seu medio século de historia. Recoñece que administracións como a Xunta de Galicia non son moi receptivas ás súas propostas e que queda moito camiño por percorrer para concienciar aos cidadáns e ás institucións —concellos, Hidrográfica e demais— en materia de compromiso coa natureza. Aínda que o escenario non é o mellor dos posibles, este investigador sénior do Centro Superior de Investigaciones Científicas sempre se amosa positivo e repite unha coñecida frase: «Non hai maior erro que o de quen non fixo nada pensando que só podía facer un chisco».

—Están a celebrar os cincuenta anos da SGHN. Cal é o balance? Hai concienciación por parte da cidadanía e da administración?

—Ao levar medio século de actividade sempre se van conseguindo cousas e avanzando, obviamente. Dito isto tamén hai que recoñecer que habería moito que mellorar en canto á sensibilidade cidadá e aínda máis no caso da administración autonómica, que sempre vai por detrás da sociedade en temas ambientais.

—Non hai receptividade ás iniciativas da sociedade?

—Ás veces é predicar no deserto porque non aceptan as propostas nin con iniciativas plenamente xustificadas. Só por poñer dous exemplos recentes —un a nivel galego e outro ourensán—, como son a petición de que se catalogue como especie vulnerable a camariña e os refuxios da Limia. A Xunta negouse a catalogala, a pesar dos informes a favor do Observatorio Galego da Biodiversidade —que inclúe os seus propios expertos—. En Ourense pediuse que se crearan catro refuxios de fauna na ZEPA da Limia —para protexer a poboación de conícora, do sisón e pernileiro ou alcaraván— non lle valeron os datos e din que os teñen que buscar eles. E seguimos agardando.

—Incide sempre na necesidade de mudar as políticas en relación cos incendios.

—Se collemos os datos dos últimos vinte e cinco anos vemos que Ourense é a provincia coa maior superficie queimada de España. O 70 % do seu territorio. Ata podería asegurar que é a máis queimada de Europa. Mais non temos que ser catastrofistas. Hai solución, pero mudando o que estamos a facer mal.

—Como?

—Imos un paso por detrás do lume. En Galicia investimos 170 millóns ao ano en extinción de incendios. E recibimos, a maiores, outros 170 millóns do plan de desenvolvemento rural da Unión Europea. Ao ano! Son en total 340 millóns que se poderían investir en atallar os problemas estruturais do monte galego, garantir a calidade de vida dos que se quedan no rural e promover proxecto de gandeiría e desenvolvemento local. Por aí irían mellor investidos eses cartos. Repito: 340 millóns ao ano. Se non saben que facer con eles que lle deixen o sitio a outros que sexan quen de crear proxectos de biodiversidade e calidade de vida.

—Dende a súa experiencia na presidencia da SGHN como ve a situación da provincia?

—Sen dúbida, aínda que cos seus problemas, é a mellor das galegas. Ten a vantaxe da súa diversidade, coas grandes diferencias de altitudes e orografía, a variedade de ecosistemas máis elevada de Galicia e é a provincia menos eucaliptizada. Na contra está que somos a máis queimada, a que ten maior invasión de mimosas e que a herba da pampa e outra flora exótica nos están dando moitos problemas.

—Da flora á fauna. O xabaril anda polas cidades e tamén é un dos problemas do tráfico?

—Aquí vaise contra o lobo, cando é o gran depredador do porco bravo —como se lle chamou sempre, o de xabaril é unha cousa moderna— e este se ten convertido no gran inimigo dos cultivos. A solución non pasa polas batidas porque non se vai conseguir gran cousa. Non é que haxa moito máis porco bravo, é que están baixando a zonas tranquilas e donde non levan traballo porque collen a comida no lixo.

«A escaseza de auga xa está sendo un problema e hai que concienciar aos cidadáns»

O presidente da Sociedade Galega de Historia Natural incide sempre en que non avanzamos moito no que a conciencia ambiental se refire, con prácticas no día a día que non aportan nada e mesmo contribúen a danar máis á natureza ou carecen de sentido. E tamén no feito de que non se está a tomar conciencia dos problemas que xa está xerando o cambio climático.

—As restricións na subministración de agua son cada vez máis correntes. É o futuro?

—Co cambio climático hai que fomentar o uso responsable da auga. O que non pode ser é que a 35 ou 38 graos á sombra se estea usando o rego por aspersión e secando os ríos. Por mor dos incendios os solos non reteñen tanta auga —iso tamén inflúe— e as administracións non fan nada para erradicar as perdas das redes de subministración. Hai un despilfarro xeral. A escaseza de auga xa está sendo un problema e hai que concienciar aos cidadáns. A Hidrográfica tamén tiña que reaccionar doutra maneira: non podes chamar a un uso responsable cando xa tes a seca enriba, hai que facer campañas de sensibilización antes.

—Os proxectos dos parques eólicos están mobilizando aos cidadáns.

—Temos que falar de parques eólicos e liñas de alta tensión, que son as que logo serven para transportar a enerxía. Son un problema e máis no caso da provincia de Ourense, porque é a que máis instalacións ten para producir. Hai proxectos para o Alto do Rodicio, o Macizo Central e moitos outros sitios, como as contornas da ZEPA (Zona de Especial Protección de Aves) de A Limia. Van ter un impacto moi considerable e xa digo que por partida dobre: porque non só será polos parques senón que tamén haberá un grande impacto polas liñas que cruzarán toda a provincia de Ourense.

Un namorado da Limia que confía en recuperar humedais

Serafín González Prieto pertence ás xeracións que comenzaron os seus estudos no antigo Colexio Universitario de Ourense e que completaron a carreira en Compostela. No seu caso Bioloxía. Na capital de Galicia ficou para facer a tese e logo veuse para exercer de director da Escola Taller Braña. Estivo un ano en Francia e de volta a Santiago, onde continúa. A súa paixón foi sempre a bioloxía e os vertebrados, mais rematou sendo un especialista en Edafoloxía e en Compostela segue como investigador sénior do CSIC. A explicación é doada: «As condicións que me poñía o catedrático de vertebrados non me interesaban e si as que me propuxeron en Edafoloxía. Son un apaixoado da ecoloxía, dos vertebrados e das aves. Daquela, como se pode ver, a separación entre o profesional e o persoal non é tan clara».

—É un namorado da Limia. Hai remedio ou é un caso perdido?

—Foron cousas do destino. Moitos da SGHN que coñecimos a Antonio Villarino coincidimos nesa paixón pola Limia, a súa defensa e a divulgación dos valores materiais que conserva, a pesar dos cincuenta anos de maltrato.

—Ten solución ou a contaminación xa é irreversible?

—A situación non é boa e progresamos nesa liña. Secando pozos de auga potable, o río Limia e causando graves danos á biodiversidade. Pero non podemos tirar a toalla. Dende a SGHN demostramos que é posible ao recuperar e converter o que era un vertedoiro, a veiga de Gomareite (Vilar de Barrio), nunha explotación de gandeiría en extensivo. Tamén somos optimistas para recuperar algunhas zonas de humedais.

—Botou anos estudando a fauna da Limia.

—Aínda que a miña liña de investigación oficial son os solos, levo máis de coarenta anos facendo un seguimento da ornitofauna da zona e fixen o traballo máis completo que existe sobre unha comarca de Galicia.

—Será a Ribeira Sacra patrimonio da humanidade?

—Os vales fértiles están debaixo das augas das presas e os cumios cheos de parques eólicos. Ao mellor tampouco é a figura que máis lle interesa á zona e como parque natural tería máis vantaxes. En todo caso, a decisión corresponde aos expertos da Unesco.

Quen son.

«Considérome un ‘rECOnciliador’, unha persoa que está facendo o posible para tentar rECOnciliar a sociedade, ourensá e galega, coa natureza».