Ledicia Costas gaña o premio Losada Diéguez de narrativa

ourense / la voz

BOBORÁS

XOAN CARLOS GIL

Xosé Fernández leva o de ensaio por un traballo sobre Risco

24 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A escritora Ledicia Costas e o investigador Xosé Fernández Fernández entraron onte na nómina de galardoados nunha das convocatorias máis destacadas do panorama dos premios culturais de Galicia: os Antón Losada Diéguez. A escritora, que estes días está en Bos Aires formando parte da delegación que representa á cultura galega na feira do libro daquela cidade -adicada este ano a Compostela-, acadou o Losada Diéguez no apartado de literatura pola súa obra Un animal chamado Néboa. Pola súa banda o ourensán Xosé Fernández Fernández, inspector de Educación e profesor asociado na Universidade de Vigo, acadou o galardón no apartado de investigación e ensaio polo seu traballo Vicente Risco. Mestre de Mestres.

O xurado encargado de fallar os premios Antón Losada Diéguez reuniuse onte no salón de plenos do Concello de Boborás -a convocatoria está promovida por este municipio e o do Carballiño, co apoio da Deputación de Ourense-. Os representantes da RAG, das universidades de Compostela e A Coruña, do Museo do Pobo Galego, do Consello da Cultura e dos organismos convocantes, baixo a presidencia da concelleira de Cultura de Boborás, acordaron premiar por unanimidade o traballo de Ledicia Costas, considerando o xurado que o conxunto de relatos que configuran Un animal chamado Néboa (Xerais) «conseguen demostrar a condición global da memoria dos traumas da nosa historia recente, grazas a un hábil manexo de innumerables fontes documentais», incidindo no feito de que a autora «ofrécenos unha crónica do mellor e do peor da condición humana». No apartado de investigación e ensaio o galardón concedeuse por maioría, logo dun intenso debate «e dada a calidade de varias das obras presentadas», e salientouse de Vicente Risco. Mestre de Mestres (Deputación de Ourense) o feito de ser a obra «un estudo orixinal e moi completo sobre este intelectual da Xeración Nóse no que o autor analiza, a partir de moitas fontes documentais, aquelas aportacións menos coñecidas do ourensán, nomeadamente as tocantes á pedagoxía». O 11 de xuño, no pazo de Moldes, entregaranse os premios, que están dotados con 6.000 euros.

A Deputación publicou o traballo de Xosé Fernández Fernández sobre Vicente Risco