Xurxo Rodríguez, alcalde de Castrelo de Miño: «Cremos que é unha maneira de gañar veciños para o rural»
CASTRELO DE MIÑO
O Concello de Castrelo de Miño está negociando coa Xunta as bases que rexerán o seu programa de Vivendas Baleiras, que serán aprobadas polo pleno do próximo mes, coa idea de que entren en vigor «nas próximas semanas», segundo o alcalde, Xurxo Rodríguez.
-¿Por que se suman?
-Parécenos un programa moi interesante, porque permite poñer en uso determinadas vivendas que están en boas condicións pero non están ocupadas... É un xeito de animar aos veciños que teñen esas casas, porque no momento do aluguer van ter un seguro e un respaldo detrás de Xunta e Concello. Durante tres anos estarán asegurados contra posibles danos e tamén terán un seguro de cobros a final de mes.
-¿Hai xente interesada?
-Temos xente interesada en vir vivir a Castrelo que non atopa vivendas en aluguer. Hainas en venta, pero en aluguer non.
-¿Hai moitas vivendas baleiras en Castrelo?
-Hai moitas segundas vivendas que, co tempo, ao ser maiores os pais, veñen menos; e os fillos, unha vez ao ano... É unha maneira de poñelas no mercado.
-¿Veno como unha maneira de gañar veciños?
-Si, cremos que é unha maneira importante de gañar veciños para o rural. Aquí hai casas boas, de pedra, en bo uso... É unha maneira de evitar o seu deterioro e atraer veciños.