O artista que ía para matemático

O BARCO DE VALDEORRAS

Santi M. Amil

Christian Escuredo y Alba Hernández

02 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Na Semana Santa do 2002 un grupo de alumnos do instituto Martaguisela aproveitou unha viaxe de estudos a Madrid para asistir no Coliseum ao musical My fair lady, dirixido por Jaime Azpilicueta. Oito anos despois, un daqueles rapaces, Christian Escuredo Núñez (O Barco, 1984), estrouse, no mesmo teatro e co mesmo director, como actor da produción Sonrisas y lágrimas. Hoxe actúa cada día en Priscilla, no Nuevo Teatro Alcalá, e garda no peto o galardón de actor revelación dos VIII Premios de Teatro Musical.

Nestes 13 anos, Christian non esqueceu que aquela primeira visita ao Coliseum fíxoa da man de Alba Hernández, a súa profesora de música: «Ver un musical coa banda en directo e coa espectacularidade en escenografía e vestiario foi algo excepcional! Daquela había algo que eu quería expresar, pero non sabía de que maneira; estaba descubrindo, foi unha procura en todo».

Nese camiño atopou pronto o apoio de Alba. No Martaguisela tivo a profesora asturiana o seu primeiro destino en secundaria: «O primeiro día pensei que me ían comer, víame máis pequena que algúns, pero Christian fíxoo todo máis fácil, pola súa actitude axudoume a aclimatarme. Eu quedei impresionada polo empuxe que tiña, era unha fonte continua de aprendizaxe, era el o que me levaba a min, animábame a buscar cousas para abrirlle camiño. O que máis chamaba a atención del era a ansia de sabelo todo na arte. Fisicamente era como agora, igual de guapo e con esa inocencia... Pero evolucionou moito na expresión corporal, o que transmite é impresionante».

Os recreos eran, máis que as clases, o espazo-tempo común de Christian e Alba: «Outra compañeira e eu viñamos á aula de música a cantar e Alba acompañábanos ao piano», lembra Escuredo.

Houbo ata quen sentiu celos daquela relación entre pupitres: «Eu tiña unha medio noiva que dicía que me gustaba a profe de música», ri Christian. «A min tamén me chegou a dicir un profesor que a Christian non lle interesaba a música senón a profe de música!».

Alba ten claro que o atractivo era a fascinación que Christian sentía pola música: «El fixo moitísima música, por todas partes; participaba en todos os festivais que se organizaban, era o único que sempre estaba disposto. Sempre foi artista».

E Christian, que empezou a estudar no Conservatorio grazas aos consellos de Alba, descubriu nela unhas virtudes docentes excepcionais: «O que eu vía en Alba non o vía en ningún outro profesor; ese preparar tanto as clases, ese ser orixinal, ese involucrarse tanto... Hai profesores que non saen do que traen preparado. Alba non. Incluso as tarefas para a casa eran diferentes; lembro que nos mandaba buscar na prensa noticias sobre música. Eu gardo eses valores e, cando empecei Maxisterio, o meu modelo de profe era Alba».

Aquela foi a primeira elección universitaria dun Christian que fixo o Bacharelato de Ciencias por obriga, «porque non había Artes». «O Debuxo tamén me gustaba moito; de feito, estiven nunha escola de pintura e restauración como actividade extraescolar despois de probar mil deportes, que non eran o meu».

Algún profesor chegou a dicir que o da arte non podía ser, que aquel mozo ía para matemático, «e o meu titor ata falaba cos meus pais para desvincularme do artístico, pero eles tiñan claro que o seu obxectivo para min era ser feliz».

christian escuredo e alba hernández

Teatriños na aldea, un festival a favor de Unicef e un Danny Zuco por goleada

O camiño á felicidade Christian emprendeuno cedo. Xa na aldea «escribía teatriños cos nenos, beléns viventes, e no colexio Julio Gurriarán, dende parvuliños a 6º faciamos cada curso unha montaxe obrigatoria de teatro».

No instituto mandaban os festivais, como aquel en beneficio de Unicef que situou a Christian por primeira vez so nun escenario. Foi no actual teatro Lauro Olmo, unha gala na que o alumno puxo a voz e a profesora, o piano.

Alba lembra con agarimo a montaxe escolar do musical Grease. O casting para o protagonista masculino, por votación de todos os compañeiros, gañouno por goleada Christian. El foi un espléndido Danny Zuco.

O mesmo que baixou de sobresaínte a notable a media das notas en Bacharelato porque estaba dedicado ao Conservatorio e o mesmo que serve de recompensa para Alba: «Que fose meu alumno e que teña medrado tanto... só por iso pagou a pena dedicarse a esta profesión».