Paco Charlín leva centos de concertos ao lombo. Ultimamente móvese sobre todo por España e Portugal pero percorreu moitos países de Europa e, por suposto, tocou en Estados Unidos. Non desbota as gravacións en estudo. O seu longo currículo suma corenta discos nos cales colaborou co melloriño do jazz internacional e actualmente ten cinco discos pendentes de editar. Con todo segue preferindo a «maxia do directo». Quizais por iso sempre que ten ocasión achégase a Cambados, ao Continental ou ao Rif Rock a botar un bolo, como se lle chama no argot dos músicos a un concerto íntimo nun local pequeno. Quizais por estas pequenas cousas resístese a trasladarse á meca do jazz, EE. UU. Alí hai máis traballo «pero non quero sacrificar a miña vida polo éxito profesional». Non ten grupo fixo. Toca con coñecidos e amigos, que son moitos, e sacando notas do seu inseparable contrabaixo que tantos problemas lle da á hora de coller un taxi. A súa próxima cita en directo é o 17 de xaneiro, na Borriquita de Belém, en Santiago.