O jazz naceu en Estados Unidos pero xa deixou de ser patrimonio exclusivo dos tugurios americanos. Hai tempo que traspasou fronteiras e unha boa mostra atopámola en Paco Charlín. Este vilanovés de 36 anos é un dos principais valores da nova xeración de músicos de jazz en España e, «nin son afroamericano, nin me drogo nin nada diso». Ben iso a conto porque Paco non cumpre o estereotipo que os profanos na materia adoitan ter sobre os músicos de jazz. Herdanzas do cinema. «Nos anos 40-50-60, esa imaxe podía responder á realidade pero agora non é así. Pódese tocar jazz levando unha vida ordenada», sinala.
El optou por esta vía e triunfou. A súa vida profesional xira entre os concertos, as gravacións e a docencia. É profesor no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, un centro que en tan só seis anos de vida consolidouse como o berce dos novos músicos de jazz. Di Charlín que son moitos os que destacan logo de estudar no seminario -ao ano pasan por alí entre 40 e 50 alumnos- os cales contribúen a pór a Galicia nun moi bo nivel respecto do resto da Península Ibérica. Do un ao dez, Charlín cualifica cun 7,5 o jazz que se fai en Galicia, o cal, tendo en conta o seu grao de esixencia, é moi boa nota. «É unha das razóns pola que vivo aquí. En Galicia hai moi bo nivel. Os músicos de jazz galegos son dos máis respectados en España e Portugal». Aquela expresión de «suenas a gallego» que se emprega cando se trata de subvalorizar unha interpretación musical escóitase cada vez menos. «Levoume dez anos acabar con isto». ¿E a vostede, lle saíron algunha vez con ese conto?. «O que me din é que, se soar galego é como sono eu, queren tocar así».
O seminario fixo moito na consolidación do jazz en Galicia, como o fixeron o Festival de jazz de Pontevedra e iniciativas particulares como as que emprendeu o noso protagonista. Paco Charlín montou a súa propia discográfica, Free Code Jazz Records, na que grava e edita os seus traballos, pero tamén os de outros que se moven neste mundiño. Tendo en conta que o jazz é minoritario e que cada vez son menos os que consumen música, non é este o negocio do século. Da para cubrir gastos, afirma, pero o aliciente é outro: pór a disposición dos músicos e do público unha plataforma para atopar produtos alternativos.
Esa é a materia pendente. O contrabaixista vilanovés bota de menos a curiosidade e a inquedanza da xente por explorar novos produtos culturais, e musicais en particular. Non é que aspire a que o jazz se converta nunha música de masas -«tampouco quero iso», matiza-, «pero gustaríame que a xente pense o que está consumindo, que non se quede no conformismo do que lle dan».
El fíxoo e atopouse cunha música que marcou a súa vida. Empezou tocar o baixo por causalidade. Porque o seu pai Paco Charlín, aínda hoxe empresario de orquestras, precisaba un baixista na Concorde dos anos 80. Entón empezou coas clases de solfexo no seu San Miguel natal, con once anos, «pero dábaseme fatal». O conto cambiou cando lle puxeron o instrumento na man e empezou dar clases en Corvillón. «Pasaba todo o día tocando» e máis que había de tocar durante catro anos, por Galicia adiante coa orquestra. Yes, o batería do grupo, convenceuno para buscar novos horizontes e así foi como acabou indo a escolas de música de Santiago e Pontevedra. En 1995 e 1996 participou nos Sixth e Sevebth IASJ Jazz Meetin realizados en Tel Aviv e Copenhague. Tamén grazas ás becas, con 20 anos chega a Boston para estudar na máis prestixiosa universidade de jazz e música moderna do mundo, o Berklee College of Music. Catro anos e medio estivo en América, anos fundamentais na súa carreira onde, ademais de cun título baixo o brazo, «aprendín a entender o jazz».
Paco Charlín, 36 anos e natural de San Miguel (Vilanova).