A Real Academia homenaxea a Filgueira no Museo de Pontevedra, «na súa casa»

La Voz

PONTEVEDRA

O presidente, Xesús Alonso Montero, propón que nomeen o último edificio da intitución Xosé Filgueira

18 may 2015 . Actualizado a las 12:39 h.

Xesús Alonso Montero aproveitou o acto de onte no Museo de Pontevedra, do que Xosé Filgueira Valverde foi director e firme impulsor, para reclamarlle á Deputación de Pontevedra, de quen depende, que o edificio que acolleu a sesión solemne de onte leve precisamente o nome de Filgueira. 

O Museo consta de seis edificios, catro de eles nomeados en homenaxe a outros tantos persoeiros: Castro Monteagudo, García Flórez, Sarmiento e Fernández López. Outro edificio son as ruinas de Santo Domingo. E queda o sexto edificio, no que onte se celebrou a sesión da academia e que foi bautizado precisamente así: Sexto Edificio. Pois Xesús Alonso Montero fíxolle a encomenta «oa presidnete da Deputación, señor Rafael Louzán, ou a quen corresponda», para que este edificio, o mais moderno e que alberga boa parte dos fondos da institución, leve o nome de Xosé Filgueira Valverde. Desde a Deputación aseguraron onte que terán en conta a proposta para que Filgueira teña o «recoñecemento que merece».

A Real Academia Galega celebrou onte o seu acto central con motivo do Día das Letras Galegas no Museo de Pontevedra. «Non podía ser doutro xeito», dixo Xesús Alonso Montero, presidente da Acadamia. «A Academia non tiña opción. Había que homenaxealo no Museo", dixo no arranque da sesión, no que glosaron a figura de Xosé Filgueira Valverde os académicos Víctor Freixanes, Díaz Fierros e Barreiro Fernández. 

Ao remate da sesión, no que Freixanes falou do Filgueira profesor -de quen foi alumno-, Díaz Fierros da importancia de Filgueira e o Seminario de Estudos Galegos, e Barreiro Fernández da contribución do homenaxeado á construcción da identidade galega a través do matiz da "romanidade", o presidente da Real Academia Galega fixo un chamado á Deputación de Pontevedra, da que depende o Museo de Pontevedra, para que o último edificio da institución, aínda sen nomear, leve o de Xosé Filgueira.