Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Se fora hoxe, posiblemente a liña non pasara»

VILA DE CRUCES

r. amado

En novembro de 1996 remataba un encerro de 45 días no Concello de Cruces contra o trazado de Redesa

07 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A parroquia de Merza, en Vila de Cruces, andaba revolta hai 20 anos: as máquinas chegaban en outubro de 1996 ás leiras para construír as torretas que deixarían preto de moitas vivendas o tendido eléctrico de 400 Kv de Redesa entre Mesón do Vento e Lindoso, nun desvío do trazado orixinal difícil de entender. Manuel Fernández Blanco asumía a presidencia do colectivo veciñal que se opoñía ao proxecto.

-Nós tiñamos interposto un recurso no contencioso no TSXG na Coruña, pero tamén había mobilizacións populares, que en boa parte eran espontáneas. A xente toda estaba en contra, había quen se movía máis, pero era cousa de todos.

-¿Lembra o peche no concello?

- Creo que botamos 45 días. Eu ía traballar, á noite saía de traballar e ía para alá porque pola semana non podía durmir alí. E os sábados si, case todos os sábados me tocaba durmir alí. Había quen tiña participación máis activa ca outros, pero no lío estabamos igual máis de 200 persoas, e mesmo había moitos vellos metidos no tema.

-Visto co paso do tempo, ¿cales foron as claves do conflito?

-A clave foi a ignorancia. Se fora hoxe, e sabendo o que sabemos, posiblemente non pasara. O que pasa é que daquelas nós eramos novatos en todo. Eu nunca fora a unha manifestación dese tipo, nin nunca tivera ningún problema coa Garda Civil ata aquela fecha. E entón pillounos un pouco en pañais, non tiñamos moita idea ao principio de como había que moverse. Despois empezamos a movernos un pouco ben, pero xa era tarde.

-E as máquinas chegaron axiña.

- Claro, sabendo o que sabemos hoxe xa as máquinas non empezaban a traballar aquí, xa as parabamos antes alá. E despois houbo outros problemas coa asociación de veciños, porque ao principio a desinformación era total. A xente non sabía nada, é dicir, cando empezaron a traballar as máquinas a xente nin sabía o que era. Nin sabía sequera o que significaba a liña esa.

-¿Cantas promesas quedaron incumpridas coa liña?

-Uiii. Eu acórdome que lle entreguei ao alcalde a lista de todos os propietarios, pero de todos sen excepción, coa autorización para enterrala porque foi o que nos dixera el. Eu xa sabía que non se ía soterrar, pero non quería que me dixera ‘enterrábase, pero como vós non quixestes’. Entón fun casa por casa, mesmo xente que non estaba en Merza e entregueille as autorizacións todas. A cousa quedou así. Pero non foron só uns os incumpridores. Porque a partir deso despois gobernou o bipartito, o BNG e máis o PSOE, e aquí estiveran Bieito (Lobeira) e máis Ceferino (Díaz), unha loita tal: e cando mandaron eles, a liña seguiu aí. Entonces, mira, tampouco é que quedara moi contento con eles.

-O conflito da liña levouno ao xulgado máis dunha ocasión.

-Eu fun unha vez por unha pintada que nin sequera vira, pero tiven que ir como imputado a Lalín. O xuíz díxome ‘¿Sabe vostede porque está aquí?’ ‘Si, porque son o presidente da Asociación de Veciños, e se hai que acojonar a alguén haberá que empezar por arriba’, dixen. Non souben máis do caso. En realidade estaba por iso, denunciábanme a min como presidente a ver se a xente se amedrentaba. E outra vez pola carga que houbera en Grándoa, o día que empezaran as obras: tiveramos un xuízo de faltas nas Cruces, pero resulta que a maior parte dos que estabamos alí metidos estabamos á hora que dicían que fora a carga reunidos co gobernador civil. Foron todos absoltos. Pero a min cambioume moito o criterio que tiña da Garda Civil. Ata aquelas tíñalle un respecto e parecíame que era necesaria, pero vendo a actuación de Merza, parecían sicarios ás ordes de Redesa, viñan coa orde de que tiña que pasar: cando cargaron en Grándoa a xente non estaba facendo nada, só estorbando. E viñeron 160 gardas a Merza, cunha unidade antidisturbios.

Hai 20 anos asumiu a presidencia da Asociación de Veciños de Merza, que loitou sen éxito contra o paso dunha liña de 400.000 voltios polo medio da parroquia

Poucas esperanzas ten de ver desaparecer algún día o tendido que escoita dende a súa casa nos días de néboa ou chuvia, logo de promesas incumpridas polos políticos que tiveron responsabilidades de goberno

«Cando a xente soubo como era o tendido xa se tiña vendido case todo»

-¿Como terían actuado hoxe?

-Informando á xente para que ninguén vendera. Se ninguén vendera a liña non pasaba. O que pasa é que daquelas ninguén sabía nada de nada de nada. Viñeron os compradores, comprábanche e ofrecíanche unha cantidade boa, todo hai que dicilo, por deixar pasar unha liña. Aquí a xente estaba acostumbrada cando pasa unha liña a deixala pasar gratis porque é un ben para os outros, entón non había problema ningún. Ata que se soubo como era a liña, pero xa estaba vendido case todo. Se fora así hoxe, informados e sabendo o que sabemos agora, a xente non lle ía vender. E se ninguén vendera, íano ter moi complicado.

-¿Quédalle algunha esperanza de ver desaparecer a liña un día?

- Pois se queres que che diga a verdade, algunha si pero moi pouquiñas, eh. Porque é como todas as cousas. Un vaise acostumbrando, e ao acostumbrarse xa non fas a forza que tiñas que facer, entón xa ... A menos que pase algo raro, e que os novos de agora se poñan, porque 20 anos despois os que estabamos daquela xa somos vellos, eu xubilei o ano pasado. Cando puxeran a liña tiña tendido por un só lado, pero agora leva polos dous porque tamén lle dá servizo ao AVE. Ves o tendido e tamén o oes. Eu teño a casa a 50 ou 60 metros da liña, e cando hai néboa ou chove óese aí perfectamente, non me fai falta nin saír fóra da casa para sentila.