Unhas xornadas abordan en Pontevedra dende a enerxía eólica mariña ata o impacto dos gatos na biodiversidade

PONTEVEDRA

Wind Float

A cuarta edición desta cita está organizada pola Sociedade Galega de Historia Natural

25 nov 2023 . Actualizado a las 10:39 h.

Un ano máis, a cidade de Pontevedra acolle esta fin de semana as Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade, que están organizadas pola delegación de Pontevedra da Sociedade Galega de Historia Natural. Nesta cuarta edición, como ven sendo habitual, contarán con dúas partes ben diferenciadas. Así, na xornada do sábado, o salón de actos da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra acollerá a distintas ponencias, mentres que o domingo está dedicado á exhibición do filme Iberia, naturaleza infinita no Museo de Pontevedra.

Deste xeito, e ao longo do día de hoxe, os distintos poñentes, entre os que se atopan Marta García Pérez, da Universidade da Coruña, o naturalista Xosé Manuel Penas Patiño, Miguel Clavero Pineda, da Estación Biológica de Doñana, ou Jesús de la Fuente Villar, A Rente do Chan-Pladever, abordarán distintas cuestións e temáticas. Así, analizarán a enerxía eólica mariña e as súas implicacións sobre os recursos mariños, a conservación de determinadas especies vulnerables e protexidas, o impacto dos gatos sobre a biodiversidade ou recorrerán as últimas cinco décadas de actividade da Sociedade Galega de Historia Natural, que este mesmo ano celebra o seu 50 aniversario, «medio século de historia estudando, divulgando e defendendo o patrimonio natural Galego», destacaron ao respecto.

Pola súa banda, e a partires das 11.30 horas do domingo, o Edificio Castelao transmutarase nun cinema para proxectar Iberia, naturaleza infinita, filme con nove candidaturas nos Premios Goya, os de Mellor película, dirección, guión orixinal, fotografía, montaxe, dirección artística, son, efectos especiais e película documental. Está prevista a presenza do director, Arturo Menor, polo que a xornada rematará cun coloquio e diálogo con este último.

A asistencia é gratuíta, pero precísase inscrición en liña a través de https://forms.gle/p8uTRTCuJLrkZsAXA.