Saen á venda as entradas para «Tres vellas na romaría», peza que abrirá Sete Falares

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Representación de «Tres vellas na romaría»
Representación de «Tres vellas na romaría» BASILIO BELLO

O encontro internacional de contadores de historias, regresa a Pontevedra do 2 ao 8 de xuño

08 may 2024 . Actualizado a las 11:32 h.

A que será a edición número 12 do Encontro Internacional de Contadores de Historias Sete Falares, chegará a Pontevedra o domingo 2 de xuño. Ao longo de sete xornadas, ata o 8 de xuño, unha escolla de contadoras e contadores encherán os recunchos da cidade.

O programa verá a luz nas próximas semanas pero a modo de adianto, xa están á venda en Ataquilla.com, a un prezo de 8 euros as entradas para o que será o espectáculo inaugural o día 2 ás 20 horas no Teatro Principal: Tres vellas na romaría, que chega a Pontevedra da man de Celso Fernández Sanmartín, Quico Cadaval e José Luis Gutiérrez Guti.

Os tres son narradores orais de longa traxectoria. Celso Fernández Sanmartín é tamén recoñecido poeta, e o seu libro A cama do meu avó é un dos seus últimos sucesos, convertido en performance en Escenas do cambio. Guti é narrador, guía nativo e influencer. Publicou o libro Cuaderno de últimas voces e mantén un post diario en Facebook titulado Besos matinales. Quico Cadaval, pola súa banda, conta contos e dirixe teatro. Tras triunfar con O Porco de Pé, participa no último proxecto do Centro Dramático Galego, Shakespeare en Roma.

Na peza coa que abrirán Sete Falares, Tres vellas na romaría, «saímos do mundo do traballo e buscamos nas memorias das devanceiras os días gloriosos de romarías e festas, os bailes, os milagres, as devocións, os exorcismos, as empanadas e os melindres, o viño novo e a caña brava», tal e como recolle o programa oficial. O repertorio componse de todo o que rodea o mundo estival das romarías: «milagres, romances, ofrendas devotas, relatos humorísticos, un mundo no que se mistura a superstición e o festeiro escepticismo».