«As matemáticas son a materia na que máis inflúe o profesor»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

Estudante con vocación de docente, foi quen de explicar a factorización dos números primos en só dous minutos

17 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Co ánimo de achegar o galego ao uso das matemáticas, a USC convocou un concurso que, baixo o nome de Explícoche Matemáticas 2.0 propuxo aos estudantes o reto de explicar un concepto matemático en dous minutos utilizando a lingua galega. Juan José Conde, moañés de 32 anos, escolleu a factorización dos números primos -a descomposición dun número dado mediante multiplicacións- para o seu vídeo. Valeulle gañar o concurso.

-¿Como é alguén capaz de explicar en dous minutos un concepto matemático?

-[Ri] Aprendendo a resumir. Eu tamén teño a vantaxe de que con anterioridade estudei audiovisual e aprendes a sintetizar. É só utilizar linguaxe común e tentar achegalo á vida común. Por iso escollín o tema da conversa por Skype entre dúas persoas, porque parecía máis lóxico facer unha escena cotiá. Ademais, dicir que as claves das tarxetas de crédito teñen como base a factorización dos números primos atrae a atención e facéndoo un pouco ameno a xente pode facerse unha idea xeral.

-¿Por que escolleu como tema de conversa do vídeo a película «The Cube»?

-É unha película na que os números primos teñen moito que ver. As persoas que están pechadas no cubo, que á súa vez ten moitos cubos máis cun número na porta, rematan por descubrir que o xeito de saber se dentro do cuarto hai unha trampa mortal ou non é saber os números que teñen un único factor primo.

-¿Andamos mal en matemáticas?

-A todo o mundo lle parecen moi escuras e a min gustábame porque era o que máis se parece á maxia no mundo, e para os que no saben matemáticas é o que máis parece e por iso asusta un pouco.

-¿Os profesores inflúen no odio ás matemáticas?

-Creo que é a materia na que máis inflúe o profesor que tes. As matemáticas son unha materia da que en seguida te sentes afastado, e se ademais tes un profesor que non fai por que che gusten, ao final acabas pensando que es un negado.

juan josé conde gañador de «explícoche matemáticas 2.0»