«Externalizar a pobreza resulta inadmisible»

x.m.c. santiago / la voz

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

20 nov 2012 . Actualizado a las 11:31 h.

O deputado compostelán Xavier Ron está empezando a familiarizarse coa Cámara autonómica. Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) iniciou o deseño da política parlamentaria e axiña terá concretadas as liñas de actuación.

-¿Como se ve na liña de saída?

-Si, xa reparei na enorme responsabilidade que temos porque debemos responder ó apoio cidadán, que se fixo patente de xeito emotivo no acto constitutivo do venres. Temos que sentar as bases en firme e imos manter distintas xuntanzas para perfilar as áreas de traballo e darlle forma ós programas e propostas a través de reunións co tecido asociativo nas distintas localidades de Galicia, e aquí en Compostela e comarca. Queremos ser portavoces das iniciativas que nos traslade o movemento cidadán. Estamos elaborando ideas e iniciativas transversais.

-¿Hai xa unha maior converxencia no seo da AGE?

-Xa temos articulados os órganos nos que estaremos representadas as catro organizacións e ó longo desta semana estaremos dispostos para lanzar a nosa dinámica institucional de traballo.

-Algúns asuntos inflaman o panorama social.

-Os desafiuzamentos e as preferentes causan unha especial preocupación e son aspectos que compre abordar. O Real Decreto sobre os desafiuzamentos representa un atropelo máis e debemos traballar de forma seria neste tema, na reforma da Lei Hipotecaria e na solución do problema dunha vivenda digna .

-O contexto tampouco invita ao optimismo.

-Únense circunstancias como a falta de traballo, o encarecemento da vida a todos os niveis, as débedas,... configurando un panorama moi perigoso. E tamén asistimos á externalización da pobreza. A Administración lávase as mans. Queren que se ocupen dela as oenegués ou quen sexa, pero recortándoas tamén. Non se pode externalizar a pobreza.

-¿Teñen pensado como abordar a cuestión do aeroporto?

-Temos claro que hai que abordalo, pero debemos falar deste asunto para definir a nosa política ao respecto porque aínda non o fixemos. Ocorre o mesmo con outras iniciativas concretas da zona de Santiago que fixaremos nas próximas datas.

-¿Oposición contundente?

-Imos presentar no Parlamento galego propostas participadas e destinadas a solucionar os problemas, e logo ver a receptividade da forza que goberna. Queremos construír unha sociedade mellor.

xosé xavier ron fernández diputado de AGE