Cadaval senta a escribir

Camilo Franco SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

monica ferreirós

O autor exhibe a escrita do libro «22 romances inconclusos»

28 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

en directo unha novela ao vivo

Quico Cadaval decidiu sentar a escribir e converter o seu primeiro libro narrativo nunha demostración de que para os escritores non hai nada como os bares. Un caderno de notas que ten como portada a cita de Bartleby domina a mesa de traballo anunciando a delicada posición do escritor: I would prefer not to (preferiría non facelo), «se non me obrigan non me poño».

Cadaval, vixiado por unha webcam, e co control de Carlos Santiago á enxeñería da rede, botou onte o día no Bar O Trece, fronte ao convento de Santa Clara. Sentado na última mesa, de costas á clientela e de cara a un caderno no que ía escribindo cunha letra máis ben difícil un libro difícil de rematar, 22 romances inconclusos. Un libro que será o seu primeiro e que son 22 inicios de novelas. «É moito máis fácil comezar os romances que rematalos», asegura o contador, «é tamén é máis fácil falar que escribir».

Cadaval explica que o entorno dun escritor inflúe sobre o que está escribindo «por iso é máis interesante escribir nun bar que calquera outro lado».

Para afrontar as quince horas de escrita continuada ao vivo, o monologuista di que tampouco preparou moitas cousas «aínda que estes días calquera cousa que pasaba parecía un arranque bo». Tamén apunta que xoga con esa idea de que «romance para algúns lectores ten que ver con algo amoroso, algún xogo vaime dar».

Cadaval ten unha estratexia infalible para as entrevistas que Mariano Rajoy debería copiar, en lugar de non negarse a contestar as preguntas, contesta o que lle peta e acaba falando dun libro de Roberto Bolaño, que non era un dramaturgo galego.

O director de escena considera que os espazos ofrecen máis influencia sobre os autores, pero tamén o clima. Encontra unha diferenza clara entre a literatura hispanoamericana, García Márquez ou Carpentier, quen podían escribir longo porque «non vai frío e pode estar cómodos» e máis europea. Explica a súa teoría cun exemplo claro: «a brevidade das frases de Samuel Beckett está marcada polas veces que tiña que pararse a frotar as mans para quentalas».

Con tal motivo, Cadaval aguantou onte no seu bar de cabeceira ben surtido de cafés e enredando coa xente que pasaba a falar. A mediodía confesaba: «Vou cumprir, pero vou con algo de retraso».

Dentro de tres semanas, Edicións do Trece terá convertido en libro a experiencia de Cadaval. Pero o dramaturgo promete un salto mortal máis: «Na mesma presentación do libro prometo darlle fin a unha das historias do libro, pero só o farei ese día».