Di que en vinte anos de profesión nunca leu nada cara ao público, pero que «se nalgunha ocasión hai algo que escribir é esta». Roberto Vilar aspira a que a xente que vaia ese día á praza o pase ben e se sinta «orgullosa da cidade na que vive». Pola súa banda afirma que tentará «estar á altura das circunstancias».
-¿Que supón dar un pregón como o das festas do Apóstolo?
-É a honra máis grande que recibín, porque non é só a festa de Santiago senón que é a festa de toda Galicia. Cheguei a Compostela cando tiña 19 anos e, como moitos dos estudantes agora, quedei a vivir aquí. Para min é xa como a miña cidade. Estou inmensamente feliz.
-¿Dar un pregón coma este é máis unha oportunidade ou unha responsabilidade?
-A nivel persoal é un premio. No campo profesional é un reto, e a min canto máis grande sexa o reto, mellor. Non vai ser algo sinxelo, pero ímolo intentar. Ademais, ser pregoeiro despois de Moncho Fernández, ao que admiro e ao que teño entre os meus amigos, é un pracer.
-¿Con que tipo de discurso ten previsto sorprender á audiencia durante o pregón?
-Iso vai ser o máis complicado. Quero que sexa un discurso emocionante, tanto para os de aquí como para os de fóra. Pero tamén ten que ser algo entretido. Quero buscar algo entre a emoción e a risa.
-¿Por que motivos cre que o escolleron a vostede?
-Polo que me contaron dende o Concello, levan xa varios anos buscando xente vinculada coa cidade. Eu levo 23 anos aquí, e o feito de ser coñecido supoño que axudou.
-Acaba de rematar unha xira por teatros de Galicia, ¿cales son os seus próximos proxectos?
-Os artistas somos uns desgraciados aos que non nos gusta dicir nada ata que está firmado. O que si podo dicir é que quedei moi contento coa xira e quero facer outra pronto. En televisión, o meu medio natural, estou preparando algo para xaneiro. A miña intención é levarlle un pouco de risa á xente, que é o que necesita agora mesmo.