«O prioritario é axudar a mozos e desempregados»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez DODRO / LA VOZ

SANTIAGO

Na metade da lexislatura, o rexedor valora a súa xestión marcada por «menos medios persoais e económicos»

21 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Transcurriron dous anos de lexislatura e o alcalde de Dodro, Valentín Alfonsín Somoza (Dodro, 1969) fai unha pequena valoración da xestión do seu goberno local. Di o seguinte:

-Foron dous anos moi difíciles nos que ao mesmo tempo que intentamos desenrolar o noso proxecto de goberno tivemos que dar solución a problemas que levaban anos sen que ninguén se atrevese a afrontalos, e todo iso con moitos menos medios persoais e económicos.

-¿Cal é agora a situación económica do Concello?

-Conseguimos sanear as contas en só dous anos e hoxe estamos pagando as facturas antes dos 45 días. A pesar diso, este ano deberemos dedicar 30.000 euros ao pago de intereses; no 2014 serán 60.000 e a partir do 2015 xa serán 90.000 entre intereses e capital. Esa é a herdanza do bipartito.

-¿Que proxectos quedaron no camiño por culpa da crise?

-Sobre todo os que estaban dirixidos á xente moza, que necesita de axuda para incorporarse ao mercado laboral. Para eses plans non existen subvencións específicas e teñen que destinarse fondos propios que son dos que carecemos por mor do préstamo de 490.000 euros que temos concertado.

-Suprimiuse a festa do carneiro pero mantense a das persoas maiores. ¿Por que?

-Entendemos que as persoas maiores tamén teñen dereito a que por parte do Concello se programen actividades lúdicas, como así se fai para os máis cativos, mozos e resto da poboación. En termos relativos, é a actividade máis económica de todas as que se fan, e na que máis persoas participan en termos absolutos. E debemos ter en conta que, na situación actual, os nosos maiores seguramente aportan máis á sociedade do que reciben desta.

-¿Que é o prioritario para o que resta de mandato?

-Na medida das posibilidades económicas, imos facer todo o posible para axudar aos mozos e aos desempregados de longa duración a incorporarse ao mercado laboral. É o máis urxente e tamén o máis difícil. Por outra banda, temos intención de aumentar o saneamento e seguir mellorando as infraestruturas das nosas aldeas.

-Entrar no Consorcio Terras de Iria permitiulle a Dodro ter servizos dos que carecía, como o de Protección Civil. ¿Cales máis hai en previsión?

-Imos continuar compartindo servizos e inversións como xa o vimos facendo (orientadora laboral, melloras no alumeado, drogodependencias, turismo, axuda á muller, Servizos sociais...) que, doutro xeito, non poderíamos ter. Estamos considerando a posibilidade de compartir outros servizos como a recollida do lixo, e seguramente tamén poderemos establecer algún tipo de medida de xeito conxunto que facilite a incorporación ao mercado laboral dos desempregados.

-Dodro está moi afectado polas obras do AVE pero non ten contraprestación, coma outros concellos. ¿Hai algunha xestión neste sentido?

-Estamos traballando neso ao máis alto nivel e estamos conseguindo melloras importantes nalgúns lugares, pero realmente é moi difícil cas restricións de orzamentos nas obras e porque non se incorporaron a tempo as posibles modificacións, como algún acceso. Ademais, tampouco temos ningún lugar B.I.C. (Ben de Interese Cultural) que sexa susceptible de actuación como así ocorre noutros concellos. É unha mágoa que se ben outros se preocuparon cando empezaron as obras, e incluso antes por conseguir algunha mellora, en Dodro nin sequera se mirou para que contratasen a obreiros do noso municipio.