«Eu non elixín á música tradicional, ela elixiume a min»

cristina m. carou / I.C. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

ANA GARCÍA

Define a Berrogüetto como «xeneticamente diferente»

23 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Berrogüetto leva case vinte anos nos escenarios. Pero gran parte do seu éxito débese á unha suma ben feita, a de todas as persoalidades dos seus membros, que lle dá á banda «ese carácter particular e unha sonoridade moi especial» Chegado ao grupo no 2008, Xabier Díaz aporta ao resultado final un amor incondicional pola música tradicional. Non todo o que sae da súa boca son cancións, pero vale a pena escoitar as súas palabras.

-¿Por que escolleu o folk?

-Máis ben é música tradicional, máis que folk. O meu amor por ela venme xa de meus pais, que eran uns apaixonados deste tipo de música. Aos once anos meu avó mercoume unha gaita, e quedei prendado. Digamos que eu non escollín á música tradicional, foi ela a que me elixiu a min.

-¿Que o inspira á hora de compoñer?

-Todo ese substrato popular e tradicional, a música de raíz que di tantas cousas con tan poucos caracteres.

-¿Como definiría a Berrogüetto?

-É unha banda que ten un carácter moi especial e unha sonoridade moi particular. É como se tivera unha xenética diferente, creo que iso é produto da suma das diferentes personalidades de todos os membros

-¿Preparados para o Certame Folk?

-Sempre estamos preparados para o palco, o palco é unha especie de recompensa no sentido de poñermos en contacto a nosa música coa xente, e iso parécenos marabilloso. Aínda enriba na Quintana, en Compostela, e nestas datas... é unha emoción moi grande, porque a última vez que tocamos alí foi xenial.