A campaña Gústame o galego chega a próxima semana á Universidade

santiago / la voz < / span>

EDUCACIÓN

Os participantes na presentación da campaña xa se fotografaron cun dos lemas dispoñibles.
Os participantes na presentación da campaña xa se fotografaron cun dos lemas dispoñibles.

13 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Gústame o galego na USC, Gústame ter química en galego (e o resto dos graos, tamén) ou Gústame aprender e ensinar en galego e que as clases sexan maXistrais son algúns dos lemas cos que se poderán fotografar a próxima semana os que participen na campaña Gústame o galego, que agora chega aos campus da Universidade.

O photocall de Gústame o galego estará o luns, día 16, diante da Facultade de Psicoloxía, mentres que o martes estará situado diante da biblioteca Concepción Arenal e o mércores en Ciencias Económicas. O horario será de 10 a 13 horas e de 16 a 19 horas. A escolla dos emprazamentos onde se instalará o photocall non é casualidade, posto que se trata de lugares de tránsito, o que previsiblemente lle dará máis visibilidade á campaña.

Normalización

O obxectivo da iniciativa que promoveu no seu momento a Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística e que xa se ten organizado en diversos puntos da xeografía galega é favorecer que todo tipo de persoas se impliquen e posicionen a prol do fomento do galego. Nesta ocasión, é a comunidade universitaria a que a que tomará partido a prol da lingua galega e a que se concienciará sobre a necesidade de que o galego teña presenza en diversos ámbitos da vida cotiá.

Deste xeito, quen se achegue a vindeira semana ao photocall de Queremos Galego poderá tomarse unha fotografía coa que deixar constancia das súas preferencias na utilización do galego na Universidade grazas á trintena de lemas xerais e dez específicos para apoiar o uso do galego que estarán ao seu dispor. A fotografía será enviada a cada un dos participantes e publicada nas redes sociais.