Patrocinado porPatrocinado por

Un libro recolle a cultura do viño en Galicia en todas as súas vertentes

Xesús Fraga
X. Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

AGRICULTURA

Ripalda documenta dende o seu cultivo ata cantigas e refráns

07 oct 2013 . Actualizado a las 11:27 h.

O viño é, basicamente, o resultado dun proceso de orixe agrícola. Pero ao seu redor conflúen numerosos elementos que o constitúen como un elemento cultural de primeiro orde. Paisaxe, oficios, aparellos, transporte, receitas, locais, literatura popular e culta... son manifestacións da importancia do feito vinícola e que en Galicia adquiren unha personalidade de seu.

Estes trazos son os que recolle no libro A cultura do viño (Ir Indo) Xosé Lois Ripalda (Carballedo, 1940), autor de estudos previos semellantes sobre o pan, e que documenta dende os aspectos relacionados coa orixe do seu cultivo en Galicia ata un receitario e regueifas e cantigas de tema enolóxico, ata chegar á actualidade. Un proceso que tendeu á homoxeneización, segundo Ripalda. «Agora é moi difícil de diferenciar un de outro», asume. «Un factor que tamén incidiu é que foron desaparecendo outros cultivos que medraban no mesmo entorno que as viñas, como as cerdeiras ou as maceiras, e que lle daban aromas de seu ao viño», explica.

Non son os únicos fenómenos que se foron esvaecendo cos anos. Ripalda sinala as outrora importantes rutas dos arrieiros, que transportaban o viño a Santiago, onde entraban pola porta de Mazarelos, ou a Pontevedra, de onde embarcaba a portos foráneos.

O viño da casa

Ripalda detense tamén na estreita relación que mantiña o galego co seu viño, «o viño da casa», que el equipara ao papel que representaba o gando na economía doméstica, xunto co papel que mantiña nas relacións sociais, exemplificadas polas reunións nas baiucas. É nestes espazos onde se daba toda unha cultura inmaterial, da cal é cumprida mostra o amplo refraneiro recollido no volume, e que relaciona o viño co seu lugar de procedencia e actividades afíns, mais tamén coa saúde e mesmo co santoral.

Unha vez concluído este volume, Xosé Lois Ripalda atópase na preparación dun de espírito semellante, sobre os camiños.