«Díaz Castro debería estar dende xa no Olimpo dos tradutores»

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Reclama a visibilización do autor máis alá de «Nimbos» e «Penélope» e enxalza a súa intensa labor como tradutor

23 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971) é unha das autoridades na obra diazcastriana máis reclamadas neste ano, no que as Letras Galegas conmemoran ao poeta, e ven de presentar "Cartafol de traducións e outros poemas", publicación coa que o homenaxea o Consello da Cultura Galega.

-¿Que podemos atopar nesta obra sobre Díaz Castro?

-O libro ten dous volumes. Un deles recolle os textos de Díaz Castro en edición facsimilar e o outro é un estudo do material, con anotacións sobre os poemas. Dentro da produción do autor, está recollido todo o seu labor como tradutor de textos poéticos, deixando fóra a tradución de narrativa, e os versos que el mesmo escribe noutras linguas. É un libro moi completo porque Díaz Castro practicou iso que os expertos chaman tradución directa e tamén inversa, que é algo que só os grandes tradutores son capaces de facer. Hai traducións cruzadas a outras linguas e de autores moi interesantes como Lamartine, Víctor Hugo, Chesterton, Campoamor,... A obra de Díaz Castro é un verdadeiro festival políglota e revela o seu interese como lector e o influxo que todas estas lecturas da literatura mundial tiveron na súa faceta de poeta, facendo cousas moi singulares e distintas ás da época. "Cartafol de traducións e outros poemas" é o máis diazcastriano dos libros que sairán este ano, porque funde as súas dúas grandes paixóns, a poesía e a tradución.

-Leva dende mediados dos anos noventa estudando ao escritor de Guitiriz, ¿que foi o que o levou a interesarse nel?

-Eu lin a Díaz Castro sendo moi rapaciño, con 15 ou 16 anos, e co pouco que podía entender daquela xa me fascinaba a súa poesía. Era unha lectura que me resultaba simpática por unha cuestión vivencial do poeta, e é que o autor pertence á escola poética mindoniense e eu son de Mondoñedo, o que me aguilloou a que me interesase máis por el. Unha vez licenciado [en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC] tomei a decisión de dedicarlle a miña tese de doutoramento, porque parecíame un pouco inxusto que non tivera un traballo académico de máximo nivel para acabar de canonizalo.

-¿Cal foi o maior reto que se atopou para ilustrar a Díaz Castro neste ano de conmemoracións?

-Eu decateime pronto que había unha visión un tanto reducionista do escritor. A labor que se demanda este ano dos diazcastrianos é que consigamos restituír o Díaz Castro total, moito máis amplo e rico que "Nimbos" e "Penélope", que ninguén nega que son as xoias da coroa.

-¿Cal é a faceta menos coñecida?

-A de tradutor, sen dúbida. A gran pena é que esa faceta non vira a luz dun modo máis público e notorio hasta este ano. Pero eu creo que dende xa debemos situar a Díaz Castro entre os máis grandes da tradución do século XX, amén de ser un dos máis grandes poetas, e debería estar no olimpo dos tradutores da época. Eu non coñezo ningún caso da literatura galega dun autor que traducira linguas tan distintas, tan cruzadamente e de autores tan variados en plena posguerra. Coñecía ruso, danés, sueco, linguas eslavas e, por suposto, as máis comúns (inglés, francés, alemán, italiano, portugués, catalán, éuscaro, etcétera) e en moitas delas era autodidacta. Ademais do seu traballo de tradutor como funcionario do Estado durante o día, polas noites queimaba os ollos traducindo para editoriais de fóra, ás que tamén pedía métodos e dicionarios de gramáticas para aprender as linguas. A súa produción como tradutor foi amplísima, fixo dende receitas médicas á primeira tradución de "Al Servicio de su Majestad", a undécima novela de James Bond.

armando Requeixo filólogo e especialista no poeta