
Estará centrado na vida e obra de Díaz Castro
09 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.O Centro Público Plurilingüe Integrado de Os Dices, no concello de Rois, volve a destacar cunha actividade extra escolar. Alumnado de Educación Secundaria, coordinado polo profesor de Lingua Galega Luis Gómez Aldegunde, desprázase mañá a Cidade da Cultura de Santiago para emitir en directo por streaming a través de Internet un telexornal dedicado a autor do Día das Letras Galegas, o poeta de Guitiriz Xosé María Díaz Castro.
O telexornal inclúe entrevistas gravadas co presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; co crítico literario Armando Requeixo, coa xornalista e académica Margarita Ledo e co especialista no autor homenaxeado, Alfonso Blanco, entre outros, porque como explica o profesor Luis Gómez, «todos os que saben algo do poeta, están no telexornal».
Asemade, haberá unha entrevista en directo, neste caso a Luis González Tosar. O telexornal emitirase a través da aula virtual do CPI Plurilingüe dos Dices, para que se poidan conectar todos os centros de Galicia que o desexen. Terá unha duración aproximada de media hora, a partir das doce e media da mañá, e será presentado pola alumna Alba Sorribas, que terá o apoio da compañeira Lara Barreiro para seguir a participación do noticiario a través das redes sociais. De feito, o alumnado que siga o traballo en directo poderá participar coas súas opinións e comentarios na conta de Twiter @TelexornalRois. O informativo tamén se poderá ver despois a través da canle de YouTube do centro: videocpidosdices.
educación actividade do CPI Os Dices