«Vivir en Santiago axuda moito á hora de coller táboas»

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

A gañadora do certame musical de Teo prepárase para gravar o primeiro disco

12 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Alba María (Vigo, 1995) admira a Uxía Pedreira, Uxía Senlle e Guadi Galego. A estudante de Filoloxía Galega na USC fará realidade o seu soño de gravar un disco propio despois de gañar o primeiro Certame de Canción de Autor en Galego convocado polo Concello de Teo. Empezou na música con dez anos nun coro parroquial e con trece comezou os seus estudos no conservatorio. Hoxe leva no móbil "La valse des monstres", de Yann Tiersen, un solo de acordeón que apaixona a esta amante da música que loita por facerse un oco no panorama escénico.

-¿Cal foi o tema que lle abriu as portas ao seu primeiro disco?

-No certame defendín "Habanera de Berlín". Quería facer unha habanera, ao estilo desas que viaxaban nos barcos dende Galicia a alá e á inversa, pero adaptada á actualidade. Fala dos tempos que estamos vivindo, de mocidade inmigrante, e Alemaña é un dos primeiros destinos da nosa emigración agora.

-¿Escribiuna para o certame?

-Tiña anacos feitos e recompúxenos para crear o tema do concurso. Eu á hora de compoñer collo unha melodía e despois vou facendo a letra pouco a pouco. As cancións, ao final, acaban sendo moitas un collage das imaxes que me van vindo.

-Defendeu o tema coa guitarra, ¿toca algún outro instrumento?

-Estudei o grao elemental de acordeón, aínda que a guitarra é o máis agradecido para compoñer. Tamén toco a pandeireta. Teño formado parte de grupos de pandereteiras e ás veces tamén tiro dela.

-O premio é gravar un disco con 8 cancións e unha pequena xira de concertos.

-A oportunidade que me deron é xenial e quero aproveitar para crear temas novos e concluír cousas que xa teño comezadas. Sería o meu primeiro disco, aínda que xa teño feito moitos directos musicando poemas e tocando blues en galego co meu irmán, sobre todo dende que estudo aquí. Santiago é unha efervescencia de cultura, aínda que agora a están cortándoa moito, pero vivir nesta cidade axuda moito á hora de coller táboas.

alba maría cantautora