Xente chegada de toda Galicia marcha en Santiago contra a política lingüística da Xunta
08 feb 2015 . Actualizado a las 20:09 h.
Nunha mañá de sol pero fría, milleiros de persoas chegadas de toda a comunidade autónoma (10.000 segundo o Concello de Santiago e máis de 25.000 segundo a organización) saíron á rúa hoxe en Compostela en defensa do idioma propio do país e contra a política lingüística da Xunta. Convocados polo colectivo Queremos Galego baixo o lema Polas fillas dos nosos fillos, os manifestantes percorreron o centro de Santiago berrando consignas como «Na Galiza, en galego», «Aínda que se molle, o galego non encolle» e «Da médica ao notario, en galego todo o ano».
O portavoz da referida plataforma cidadá e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, explicou os porqués da mobilización minutos antes desta comezar. «O Goberno do PP estase a encargar de desmontar a oficialidade formal que acadara o galego. [...] É o momento de actuar todos xuntos para repolo no lugar que lexitimamente lle corresponde», declarou a preguntas da prensa.
Secundada por nenos, xoves, adultos e mesmo anciáns, a cita conta co apoio de ducias de organizacións de todo tipo, entre elas, tamén políticas. Aválana, por exemplo, o Partido Socialista de Galicia. o Bloque Nacionalista Galego, Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Anova e o círculo local de Podemos. Entre os asistentes figuran a secretaria de Organización do PSdeG, Pilar Cancela; o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence; e o colíder de Anova Martiño Noriega.
A marcha prodúcese nun contexto no que a propia Real Academia Galega (RAG) vén de manifestar publicamente a súa fonda preocupación pola acción de goberno da Xunta neste eido. Fíxoo a finais de xaneiro, dous meses despois de transcender un informe do Instituto Galego de Estatística (IGE) que revela que ata tres de cada catro rapaces falan sempre ou a miúdo en castelán.