As mudanzas son imparables

Martiño Noriega OPINIÓN | NORIEGA ANALIZA AS CONSECUENCIAS DO 26J

SANTIAGO

Artigo do alcalde de Santiago sobre as consecuencias do 26J

03 jul 2016 . Actualizado a las 12:14 h.

pasado domingo volviamos ás urnas, nunha situación inédita, que chegaba acompañada dunha enorme expectativa de mudanza, real, do réxime do 78. Semellaba que a primeira forza da esquerda sería unha candidatura ‘non pactista’ coas políticas neoliberais que agreden á maioría social , algo que nunca tiña acontecido no conxunto do Estado. Non terse alcanzado este obxectivo traduciuse en frustración e nuns resultados que non son satisfactorios e que non cumpren as expectativas.

Aínda así, se facemos unha lectura de maior profundidade non podemos esquecer que o PP perdeu, hai só seis meses, unha enorme maioría absoluta no Congreso. Agora, recupera uns poucos deputados ficando moi lonxe dos seus resultados anteriores. Fronte a esta dereita depredadora dos dereitos das máis, consolidouse un espazo de cambio real con aspiracións a liderar políticas transformadoras que abran unha nova etapa constitucional centrada na recuperación dos dereitos sociais e na consolidación das liberdades.

Un espazo transformador que sofre en Galiza , por vez primeira, unha desmobilización do seu voto. Haberá que analizar ao detalle os porqués desta baixada. Nunha primeira lectura semella que é unha perda do entusiasmo e da confianza na derrota da dereita e das súas políticas. No noso país xa tíñamos conseguido o ansiado sorpasso en decembro, aquí tamén existiu esa desmobilización parcial de votantes. Cidadáns que confían, aínda así, na construción da unidade popular como alternativa real a disputarlle a hexemonía ao PP e derrotar a Feijoo.

Estamos convencidos de que isto foi unha chamada de atención para que fagamos as cousas mellor, dende a obriga de presentar un proxecto político cun programa alternativo e un equipo de homes e mulleres que reflictan o espazo que representan . Sabémolo nós e sabeo tamén o PP, que continúaa dar enormes mostras de nerviosismo.

A nivel local, a xente é moi intelixente e sabe o que vota en cada momento e tamén sabe quen é a persoa candidata de cada vez. O Partido Popular sabe moi ben isto. Sendo a lista máis votada sempre en xerais e Autonómicas só unha vez alcanzou a alcaldía, con consecuencias desastrosas. Sen estar satisfeitos, valoramos moito os apoios que mantén a unidade popular en Compostela. Tomamos nota e tentaremos mellorar máis. Levamos un ano desbrozando unha situación herdada. Nun Concello moi danado por causa das políticas do PP. Os primeiros froitos do sementado comezan a verse xa: renda de garantía social, orzamentos participativos, aposta polo mantemento triplicando as partidas de anos anteriores, peatonalización da rúa de San Pedro, sinatura do convenio marco da intermodal... E moito que está por chegar.

A extrapolación final e verdadeira será a que fagan os electores dentro de tres anos. E nese momento, falarán as urnas e calarán algúns analistas cativos, que nunca pasan por elas.