Morreu Luz Fandiño, «a poeta analfabeta»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO

SANTIAGO

monica ferreiros

Compostelá do barrio de Sar, ademais da súa faceta literaria sempre destacou o seu activismo social

28 abr 2024 . Actualizado a las 18:11 h.

«Sobrevivín no estranxeiro 29 anos. Ao voltar tiven que traballar en casas e logo conseguín un posto nos váteres do concello. Alí, permitíronme ter unha máquina de escribir e os meus libriños». «O meu compañeiro, Xosé Casal, namoroume cos pés, era profesor de baile». Luz Fandiño (Santiago, 1931-2024) abríase así nas páxinas deste xornal para o escritor Xosé A. Neira Cruz hai case trinta anos. A poeta faleceu este domingo aos 92 anos despois dunha intensa vida de literatura e activismo. A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, confirmou este falecemento cunha emotiva mensaxe: «Acaban de trasladarme a infeliz nova do pasamento de Luz Fandiño, a poeta comprometida, a activista admirada polo seu labor e a súa enorme enerxía, que nos transmitía unha e outra vez, unha e outra vez, incombustíbel. Hoxe é un día moi triste en Compostela e en toda a Galiza».

Nacida no barrio de Sar, emigrou a Arxentina no ano 1952 e en 1964 marchou a Francia, regresando definitivamente en 1979 a Santiago de Compostela, onde residiu ata a súa morte. Non quixo seguir ao seu compañeiro, Xosé Casal, que nese ano marchou a Estados Unidos, «nunca me gustou ianquilandia», contaba. De volta á súa cidade, decepcionada polo urbanismo do Ensanche compostelán, Fandiño aproveitou o seu traballo no Concello para escribir e ler intensamente. Contoulle a Neira Cruz que anos despois, cando se enterou que Casal estaba moi enfermo, chamouno, casaron e viviu un ano máis, «foi todo un ano de felicidade».

Autora de Farangulliña de neve e O pracer de envellecer, participou tamén en obras colectivas e no 2020 a directora Sonia Méndez estreou o documental A poeta analfabeta, baseado na súa vida e obra, e no seu activismo cultural e social. A propia Méndez despediuse dela nas redes sociais, «marchou para xuntarse coa terra mais a súa luz e o seu legado nunca se apagará. Quérote amiga. Sempre unha porquiña túa. E agora, como ela dicía… quero que cando marche definitivamente fagades unha festa». A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lembrou tamén cun vídeo o momento no que Fandiño lle deu unha boneca, feita coas súas mans, para Icía, a súa filla.

A súa figura inspirou a creación de Luz Poética, o Festival de Poesía Nova de Compostela, que arrincou en 2020. Fandiño foi un icono revolucionario para a mocidade e participou en numerosas mobilizacións como as do Nunca máis e o 8M, acompañada sempre dalgunha prenda morada.

A súa poeta de referencia foi, sobre todo, Rosalía. Orgullosa de súa nai e súa avoa, dúas mulleres adiantadas ao seu tempo, viviu o máis duro da emigación, a onde marchou para axudar á súa familia. «Son a poeta daqueles que sobreviven de emprestado, a poeta analfabeta, a poeta dos desherdados», rezaba no documental prensentado no 2020. Precisamente desde o seu retorno non deixou de defender a súa lingua a de denunciar a emigración xuvenil, «ningunha terra é tan pobre como para non manter aos seus fillos», proclamaba. Roxa e comunista, Fandiño foi unha muller adiantada aos seus anos que compartiu coa súa admirada Rosalía, tanto a orixe como a ausencia paterna e o amor por unha terra á que volveu cando se achegaba aos cincuenta e da que non se quixo ir, «nin en cinas».

A súa despedida será este luns, ás 19 horas, nun sinxelo acto no tanatorio de Boisaca, en Santiago, mentres que o vindeiro domingo, 5 de maio, farase un acto de celebración da súa vida no auditorio do Museo do Pobo Galego da capital galega.