A Deputación organiza un acto xunto a súa estatua en Compostela no que repartirá o libro «Quen fora pedra»
23 feb 2017 . Actualizado a las 09:55 h.Mañá cúmprense 180 anos do nacemento de Rosalía de Castro, sen embargo, xa haberá celebración anticipada deste aniversario con varias actividades hoxe. A Deputación organiza, ás 12 horas, diante do monumento da Alameda, o seu acto central, no que se repartirá o libro Quen fora Pedra, que recolle unha investigación de Miguel Anxo Seixas sobre a historia desta estatua, que cumprirá cen anos no próximo mes de xullo. Ademais, actuará el grupo Habelas Hainas, que interpretará temas de Rosalía. O acto completarase coa lectura de poemas da escritora por parte de estudantes de institutos de Santiago. Participarán representantes da Deputación, do Concello, da Fundación Rosalía de Castro e da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Ames tamén organiza hoxe o seu acto central en lembranza de Rosalía. Será a partir das 19 horas, no auditorio da Casa de Cultura de Bertamiráns. Haberá lecturas, dramatización e videocreacións con poemas rosalianos e música a cargo da artista Najla Shami, que ofrecía no seu libro-disco Na lingua que eu falo (2013) unha ollada sobre versos da poetisa homenaxeada.
O Concello de Padrón, pola súa banda, no marco da conmemoración do 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, puxo en marcha unha iniciativa singular: decorou algúns dos pasos de peóns da vila con versos do poema Miña casiña, meu lar, que aparece no caldo de gloria, como o chamaba a escritora, e que mañá servirá ao mediodía e a noite a hostalería padronesa. Ademais, este sector e o comercio obsequiarán os seus clientes mañá cun marcapáxinas e un folleto sobre a autora. Non serán os únicos actos na xornada do seu nacemento en Padrón, que arrancarán a unha da tarde xunto a súa estatua no Paseo do Espolón.
Mañá tamén Santa Comba conmemorará a data con varias actividades. A partir das 10, no entorno da Casa da Cultura, soarán cancións feitas con textos de Rosalía. Unha hora despois, a Biblioteca municipal acollerá unha lectura pública da obra rosaliana coa colaboración do Grupo de Lectura Fácil de Santa Comba. Repartiranse marcapáxinas.