Premian ao profesor do IES de Melide Paco Veiga pola súa defensa do galego

melide / la voz

MELIDE

03 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O Servizo de Normalización Lingüística e Cultural da Terra de Melide distinguiu co premio co que, dende hai cinco anos, recoñece o traballo en defensa do galego a Francisco Manuel Veiga García, profesor de Lingua e Literatura Galega no Instituto de Ensinanza Secundaria (IES) melidense. O xurado decidiu outorgarlle o galardón a Paco Veiga, como así se lle coñece na comunidade educativa, «pola súa transcendencia social na comarca, así como por manter unha inequívoca actitude que incide nun maior uso social do galego e na potenciación do seu prestixio especialmente entre as novas xeracións de melidaos».

En efecto, Paco Veiga exerce como docente no IES de Melide dende hai uns vinte anos e logo de todo ese tempo segue a ser un dos profesores máis queridos polo alumnado. Ademais, é un dos impulsores da recuperación dos xogos tradicionais galegos, unha materia na que situou como referente ao instituto melidense e, por extensión, a todo o municipio e comarca. A encomiable labor de Paco Veiga na defensa do galego impúxose na decisión do xurado ante o destacado labor que tamén realizan a prol da lingua as asociacións culturais Charamela, de Melide, e O Noso Lar, de Santiso, tamén propostas para o premio.

Este venres, ás oito e media da tarde, a Casa da Cultura da capital comarcal acollerá o acto de entrega do galardón anual do Servizo de Normalización Lingüística Terra de Melide, integrado polos servizos de normalización lingüística dos Concellos de Melide, Toques e Santiso e polos equipos de normalización lingüística dos colexios públicos deses tres municipios e do IES da comarca melidense.