Correlingua pediu un «galego sen cancelas» 

La Voz J. G. / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

Os IES Xelmírez I e Xelmírez II, premiados pola súa animación nas rúas de Compostela

09 may 2017 . Actualizado a las 22:20 h.

Conseguir o carné de conducir en galego, que o idioma teña maior presenza nas carreiras universitarias, ou que se escoite máis música de país na radio, son tres das reivindicacións da carreira Correlingua deste ano. O lema escollido foi En galego, sen cancelas, para reivindicar o orgullo de falar galego sempre, e gañar máis usos sociais, sobre todo en ámbitos como os indicados, onde é minoritario.

Na súa edición número 17, onte xuntou máis de mil estudantes e docentes, de 15 centros de ensino. A maioría eran de Compostela; e tamén viñeron de Ames, Rois, Padrón, Vedra, e mesmo de Cee e de Pontecesures.

Correlingua, que se celebra sempre nos días previos ao Día das Letras Galegas, partiu da praza da Quintana por volta das 11.00 horas. Percorreu rúas e prazas da zona histórica da cidade e regresou ao mesmo espazo, onde houbo premios, discursos e actuacións. A actriz Isabel Risco dinamizou o final da festa, e actuou a Compañía do Ruído, grupo gañador do Cantalingua, segundo escolleron nos centros de ensino.

O alumnado do Xelmírez I gañou o premio de animación da carreira. O segundo e o terceiro premios foron para o Xelmírez II e para o Agra de Raíces de Cee.

O alcalde, Martiño Noriega; a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín; o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao; e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, ofreceron os discursos finais.