Esta noite volve «Saudade de ti» con moitos misterios aínda por resolver

S.c. REDACCIÓN / LA VOZ

PLATA O PLOMO

Elba (Cristina Andrade) non sabe a clase de home que é David (Christian Escuredo)
Elba (Cristina Andrade) non sabe a clase de home que é David (Christian Escuredo)

Os novos episodios emitiranse os domingos, luns e martes ás 22.40 horas

30 jul 2023 . Actualizado a las 13:11 h.

Despois dunha semana de parón, debido á programación especial con motivo das Eleccións Xerais e do Día de Galicia, a serie do verán volve para resolver as intrigas nas que están metidos uns personaxes que xa son como da familia para boa parte da audiencia. A piques de chegar aos cen capítulos, a ficción ambientada na vila mariñeira de Abrente conta cun público fiel e segue a sumar novos espectadores. Que pasará de aquí ao final de temporada? Son moitas as preguntas que están no aire e necesitan unha resposta.

As estafas de David

O fillo de Belén está acostumado a usar os seus encantos para sacarlles cartos ás mulleres ricas como Adela. En Abrente aplicou o seu plan como antes fixera en Mallorca. A diferenza é que aquí está Elba, unha rapaza inxenua que parece disposta a todo para seguir con el. Fuxirá David con Elba ou a deixará en Abrente co corazón roto?

Entre o seu fillo e o seu amor

David é o fillo de Belén, pero tamén é un estafador que en Abrente volveu facer das súas. Será suficiente o amor que Belén sente por Isidro para quedar con el? Acabará fuxindo co seu fillo? Cando Isidro descubra a verdade, poderá perdoar a Belén? Entre unha boa parella ou un mal fillo, a quen elixirá Belén?

O prezo da infidelidade

Durante a súa aventura con David, Adela perdeu a cabeza e todo apunta a que tamén vai perder unha chea de cartos. As consecuencias para a matriarca poden ser dramáticas. Non solo polos malévolos comentarios dos veciños e a delicada situación na que vai deixar o seu matrimonio con Gaspar, senón polas consecuencias económicas que isto pode ter para a empresa familiar.

Un bebé sen pai

Xa vimos que o embarazo de Mónica non só tiña consecuencias físicas, tamén emocionais. No seu estado e con Raúl no cárcere, Mónica comeza a mirar con outros ollos a Santi. O enfermeiro sempre lle resultou atractivo, pero agora tamén o ve como o pai ideal para seu fillo. Como levará Celia que Santi tivese unha relación sentimental con Mónica? Estará Santi disposto a exercer de pai do fillo de Raúl?

Santi (Adrian Castiñeiras) terá que decidirse entre Celia e Móni
Santi (Adrian Castiñeiras) terá que decidirse entre Celia e Móni

As malas decisións páganse

Raúl segue no cárcere por agredir ao acosador de Celia, pero xa sabemos que o último en participar na malleira a Garay foi Isidro. Se o agredido sae do coma podería delatalo, pero se morre a condena sería moito máis alta. Que fará a doutora Eiroa cando descubra a verdade? Seguirá Raúl no cárcere para protexer ao seu sogro? Acabará o pai de Celia en prisión?

A chegada dunha nova doutora

A toda a lea que xa hai montada, súmaselle a chegada de Álex, unha médica residente moi particular. Para empezar é a irmá de Raquel, a exmuller de Santi, e igual ca ela é unha muller sen pelos na lingua. Así que as metedura de zoca e os enredos están garantidos. Ademais, Álex é unha rapaza con moita personalidade que vai espertar admiración e desexo entre a mocidade da vila.