«Hoxe pode ser un día histórico para a física»

Raúl Romar García
r. romar REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

O físico galego Carlos Salgado, físico no CERN e na USC, asiste á presentación dos datos sobre a existencia do bosón de Higgs, a partícula de Deus

04 jul 2012 . Actualizado a las 11:28 h.

«Hoxe pode ser un día histórico para a física». Carlos Salgado, investigador da Universidade de Santiago cun programa Starting Grant da Comisión Europea, é un dos miles de físicos de todo o mundo que espera con expectación o anuncio que o Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) fará hoxe sobre a existencia ou non do bosón de Higgs ou partícula de Deus, a pedra angular do modelo estándar da física que explica o universo e todo o que nos rodea tal e como o entendemos. Só que a escorregadiza partícula elemental que está detrás da orixe da masa nunca fora detectada. Salgado estará hoxe en Xenebra na presentación dos novos datos e logo tomará un avión a Melbourne (Australia) para participar como poñente na conferencia mundial de física de altas enerxías. El e Abraham Gallas serán os únicos representantes galegos.

-¿Hoxe pode ser un día histórico para a física?

-Si, pode ser un día histórico. Aquí está todo o mundo realmente revolucionado e con moita expectación. Hoxe non creo que se dea toda a información, pero aínda así vai ser un día extremadamente importante para a física e no que paga a pena o esforzo que fas para ser físico.

-¿Pero de que estamos a falar?

-De que podería ser o descubrimento máis importante para a física dos últimos 30 ou 40 anos. O que ocorre é que aínda non sabemos moi ben que o que se vai presentar.

-¿E pode haber sorpresas?

-Pode pasar que o que se anuncie non sexa o que se espera. Pode ser un bosón de Higgs, pero ao mellor non só un, senón varios que tamén encaixen no modelo estándar, pero con outras propiedades ou cargas distintas. Se é distinto ao predito podería ser o mellor escenario para a física de partículas, porque indicaría un novo camiño a seguir nos vindeiros anos.

-¿E qué pasaría?

-Se en vez de un hai varios bosóns abriríase a porta para atopar novas partículas, partículas supersimétricas ou cousas máis exóticas como dimensións extras, aínda que non necesariamente terían que existir. Necesitaríase moito tempo para estudar os novos datos.

-E tamén se abrirían novas preguntas.

-O mecanismo de Higgs dá masa ás partículas, pero non di por que. ¿Por que as masas son as que son e non outras?, ¿porque existe tanta diferenza de masa entre elas? Para responder a todas estas preguntas necesítase unha extensión do modelo estándar da física.

-¿E non pode pasar tamén que o que se diga hoxe é que a partícula divina non existe?

-Parece que vai ser que non. Sería unha grande sorpresa para todos. O que tampouco espero é que digan claramente que se descubriu o bosón de Higgs.

-Logo da presentación en Xenebra parte para Australia ao cumio mundial de física de altas enerxías. ¿Qué vai presentar?

-Presentarei no plenario un resumo da situación teórica das colisións de ions pesados que facemos no CERN. Nestas colisións créase un estado de alta densidade e temperatura que se chama plasma de quarks e gluons, que é o estado en que se atopaba o universo microsegundos despois do big bang. Era un estado de altísima temperatura, 100.000 veces superior a do interior do Sol, e a viscosidade deste material é a máis pequena coñecida. Pódese dicir que o Universo despois do big bang era un líquido ideal.