Patricia Ares: «Fixemos un conto que fala de galegos afrodescendentes»

SOCIEDAD

CANIDO

Cre que en Galicia aínda non se acepta a pluralidade étnica e cultural, e por iso a oenegué publica «Mundo de cores»

27 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Diara é unha nena senegalesa, filla dun senegalés e unha galega, una rapaza froito da súa época, un mundo cheo de mesturanzas, hiperconectado, pequeno e grande á vez que ela e o seu entorno teñen que entender. Partindo desta premisa, naceu Mundo de Cores, un conto editado pola oenegué Viraventos, unha entidade radicada en A Coruña que chega a toda Galicia para atender ás persoas que veñen de África.

-¿Que pretenden con «Mundo de cores»?

-Dirixir a educación intercultural aos nenos de tres a seis anos, porque a esa idade recollen todo, son capaces de normalizar que teñen un compañeiro negro que é galego coma eles, e iso o recordarán toda a vida.

-¿Pensa que os rapaces galegos necesitan esa «axuda» para aceptar a realidade social que supón a mestizaxe?

-Viraventos xa traballa con rapaces maiores, de bacharelato, pero pensamos que onde podemos cambiar mellor as cousas é na infancia. E sabemos que os nenos afrodescendentes teñen que escoitar moitas cousas, e sobre todo pódelles crear algún problema a discusión da súa identidade.

-¿Como viven esa mezcla os rapaces afrodescendentes?

-Cun pe en cada continente. Senten que son galegos, pero notan que son diferentes. Queremos que eles vexan a realidade como é: son galego pero teño unha familia africana. E ademais pensamos que deben ter un orgullo do seu, porque os nenos ven na televisión imaxes moi negativas de África: so se fala de guerra, fame... E teñen dereito a sentirse orgullosos de onde veñen. Fixemos o conto sobre todo por eles

-Así que «Mundo de cores» serve tanto para os galegos afrodescendentes como para os seus compañeiros, tanto os de hoxe como os do futuro.

-Esa é a nosa intención, porque o certo é que a cidadanía galega non acepta que Galicia sexa pluriétnica e culturalmente diferente. Se ti o vives dende pequeno o normalizas, e os rapaces afrodescendentes séntense identificados cun conto que recolle a súa realidade diaria. En iso levamos traballando dende o 2007, coa comunidade inmigrante para sensibilizar a sociedade da diversidade cultural que forma parte, xa, de Galicia.

-¿Como se distribúe o conto?

-Imos repartilo entre as bibliotecas públicas e nos colexios, e pronto en Viraventos abriremos unha tenda na Coruña e tamén se poderá mercar alí. O libro costa 9 euros e o diñeiro servirá para proxectos de fomento da interculturalidade. Agora véndese na FNAC e na libraría Suévia, de A Coruña; en Trama en Lugo; e en Aira das Letras en Allariz.

Máis información na páxina da oenegué viraventos.org