Carlos Medrano chega aos 10.000 xeroglíficos en La Voz de Galicia

maría cedrón REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

PACO RODRÍGUEZ

O profesor, que leva dende 1988 publicando cada día unha destas adiviñas gráficas no xornal, idea estes pasatempos en menos dun minuto

17 may 2016 . Actualizado a las 19:31 h.

Chegou aos xeroglíficos de casualidade. E non por ser un namorado de Exipto, foi porque lle gusta facer traballar ao enxeño. Agora Carlos Medrano, nome que sae a diario nas páxinas de pasatempos deste xornal, pénsaos practicamente en menos dun minuto. Non hai más que ver como idea un. Para resolvelos todo é cuestión de técnica e enxeño.

Carlos xoga todo o tempo coas palabras: «Levo un caderniño no que vou anotando todo o que me vai vindo á cabeza porque logo pódeste esquecer. Mentres outros xogan co móbil no bus ou nos espazos mortos, eu levo os papeis e vou anotando», indica mentres mostra unha serie de debuxos no caderno que leva canda el. Pequerrecho, para que colla no peto.

Porque en calquera momento poden pórse a traballar os miolos. En realidade o que fai é puro deseño gráfico para falar de palabras. Onte publicou nas páxinas de La Voz o que fai xa o número 10.000. Xa son ben deles.

¿Como chegou ata aí? Este profesor de inglés e galego na Coruña, que antes pasou polo mundo editorial, facía hai moito tempo encrucillados en galego para divertirse. Un día, alá por 1988, decidiu mandar uns cantos a varios xornais da cidade por aquilo de que igual soaba a frauta e llos publicaban: «Só me responderon de La Voz. Recordo que foi Siro López, que daquela estaba recompoñendo as páxinas de humor e pasatempos, o que me propuxo facer xeroglíficos no lugar dos encrucillados. A razón da proposta foi que só uns meses antes Darío Xohán Cabana empezara xa a facer eses pasatempos en galego. Para aquilo xa tiñan alguén», recorda.

No primeiro momento a idea impúñalle certo respecto, pero logo pensou «¿e por que non?». Pouco a pouco foille collendo a agulla de marear a pintar palabras. Tanto que cruza xa esa fronteira dos 10.000 despois de entregar durante tantos anos grupos de trinta ao mes: «Aínda me dá para outra boa serie», di. E tanto que lle dá porque Carlos ten un libro en busca de editor, Gramática e xeroglífico, no que conta as técnicas para resolver este tipo de pasatempo e fala tamén da didáctica da lingua como unha ferramenta.

«Teño un amigo que coñece como os fago e resólveos todos, aínda que é verdade que hai uns máis doados que outros. Non todos os días podes ter unha idea xenial. Un xeroglífico fai traballar ao enxeño, pero hai técnicas para resolvelos», conta.

Na aula tamén usa os pasatempos. Resultan unha boa técnica para aprender vocabulario. O xeroglífico é un tipo de xogo que fomenta a creatividade, fai pensar... Todo iso forma parte da ludolingüística e parece algo a extinguir porque normalmente hai que coller un lapis para resolvelos. Os rapaces de agora apenas o fan. Manda o dixital.

Hai catro anos tamén puxo en marcha un blog, Xogos da lingua. No cabeceiro, unha frase de Samuel Beckett: «No comezo foi o xogo de palabras». Tomémoslle a palabra.