Marcos Caamaño : «Aquí podes facer de todo na medicina de familia»

Elisa Álvarez González
E. Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

Este médico, veciño de Santa Comba, marchou a Portugal para poder elixir mellor a súa especialidad

28 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Marcos Caamaño é un dos médicos galegos emigrados. Veciño de Santa Comba, traballa en Portugal pero non desbota que non sexa o seu derradeiro destino fóra de España. Aos seus 34 anos, admite que no seu caso non marchou por falta de oportunidades en Galicia, senón porque ao rematar na facultade quería coñecer mellor as especialidades para facer unha boa elección.

-¿Por que decidiu marchar?

-Marchei hai dez anos, cando rematei na facultade. Non tiña claro se facer cirurxía plástica ou trauma, e en Portugal teñen un ano común no que pasas por todas as especialidades, así que pensei: vou, vexo cal me gusta máis e volvo. Pero ao final gustoume máis a medicina de familia de Portugal, e decidín quedar.

-¿Hai moitas diferenzas no xeito de traballar?

-Sobre todo na medicina de familia. Non ten nada que ver. Aquí podes facer de todo, es xinecólogo, pediatra, fas pequenas cirurxías, tes moitas máis competencias e máis tempo por consulta para os doentes. En Portugal danlle moita máis importancia á atención primaria que á especializada.

-¿Volvería a Galicia?

-Non, como médico de familia non querería traballar en Galicia porque a verdade é que aquí fas moitas máis cousas.

-¿Están ben recoñecidos os médicos en Portugal?

-Están moito máis recoñecidos que en España: os doentes téñennos moito respecto e a verdade é que estamos moi ben valorados.

-¿A todos os niveis, tamén retributivo?

-Tamén. En medicina de familia agora en Portugal temos diferentes categorías, por un lado están os centros de saúde tradicionais e despois as unidades de saúde familiar (USF). O modelo A é o máis básico e ten menos autonomía, pero se pasas para o modelo B economicamente tes moitas máis vantaxes, es máis independente e pódeste organizar.

-É dicir que no seu caso non foi a inestabilidade laboral a que o levou ao país veciño.

-Non, fun para aclarar as ideas e tamén pola aventura. Por exemplo, eu estou nun modelo B, e se por calquera cousa tivera que saír deste modelo, igual pensaría en marchar a Irlanda ou Nova Zelandia, pero para España non.

-¿Aínda máis lonxe?

-Si, si, si [ri]. Eu non teño medo a coller a maleta de novo.