Paco Lodeiro solta o bote do «Atrápame se podes» este mes

La Voz REDACCIÓN

SOCIEDAD

Atrápame se podes

O concurso líder de audiencia nas noites da TVG entrega estes días máis de 100.000 euros

05 sep 2023 . Actualizado a las 16:22 h.

A TVG está anunciando un dos momentos televisivos máis agardados polos espectadores nos últimos tempos. Dende a pasada fin de semana pode verse, intercalada durante as pausas publicitarias, unha cuña promocional na que o presentador do concurso Atrápame se podes, Paco Lodeiro, aparece en esceas cotiás como aparcando o coche, tomando un café ou maquillándose e, fóra de plano, diferentes persoas insístenlle en que «solte o bote». Así empeza unha conta atrás que ten data aproximada para un feito que será histórico: un dos cinco concursantes que cada semana participan neste formato pasará á historia gañando o maior premio nunca entregado antes por un programa desta cadea. E será este mes de setembro cando alguén responda acertadamente e sen erros as cinco preguntas decisivas da final do formato.

«Comparto protagonismo nesta promoción co boneco da nosa cabeceira», explica Lodeiro, «e non é para menos, porque é el quen cada día metafórica e visualmente chega co maletín dos cartos». Un maletín que ten nestes momentos 100.200 euros e que se leva enchendo dende fai dous anos. Tamén nas redes sociais do programa (@atrapametvg en Instagram) se está cebando o acontecemento. Nun vídeo, con imaxes que non rebelan por completo a identidade de quen sae, alguén confesa coa súa voz o que vai supoñer facerse con tantos cartos. O último e único bote gañado no Atrápame ata agora foi en setembro de 2021. Daquela o concurso producido por Voz Audiovisual entregara 12.200 euros. A estas contías habería que sumar, para saber a cifra total de cartos repartidos, os premios diarios de 200 euros que levan aqueles concursantes nas escaleiras finais que fallan nalgún dos cinco chanzos unha pregunta pero chegan antes que o rival ao máis alto. Chanzo a chanzo, petisco a petisco, bote a bote, o Atrápame xa repartiu máis de 225.000 euros entre as preto de 600 persoas que teñen participado. Desta choiva de cartos chea de preguntas sorprendentes coas que aprender e rir participan tamén dende a casa máis de 100.000 espectadores de media, facendo deste espazo unha referencia na grella televisiva nas noites dos sábados ao mércores.