Iván Pantín, gañador do bote do «Atrápame se podes»: «Gustaríame cumprirlle ao meu fillo maior a ilusión de ir aos xogos olímpicos»

SOCIEDAD

<span lang= gl >Iván Pantín, no momento de gañar o bote, subido ó quinto chanzo do Atrápame </span>
Iván Pantín, no momento de gañar o bote, subido ó quinto chanzo do Atrápame  Voz Audiovisual

O profesor de música conseguiu un premio de 101.800 euros no concurso

13 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O programa Atrápame se podes entregou este luns o maior premio económico da historia da televisión en Galicia. O gañador do bote de 101.800 euros foi Iván Pantín, que é de Miño e vive e traballa na Coruña. É profesor de música e participou en diferentes concursos antes de entrar no programa da TVG.

-Como decidiu apuntarse ao concurso?

-Foi unha decisión ambivalente. Por un lado, xa me inscribira en diferentes concursos previamente. De feito, participei en Pasapalabra, no Supermartes e en Ahora caigo. Teño un pouco de fama no meu círculo de apuntarme a concursos, e unhas curmás do meu sogro animáronme a ir ao Atrápame se podes. Eu non tiña pensado apuntarme a ningún concurso máis, pero, tras insistirme moito, decidín cumprirlles o desexo.

-Era seguidor do programa antes de apuntarse?

-Si, era seguidor máis ou menos habitual. En canto deitaba os meus fillos, xa me poñía a velo.

-Tivo algún tipo de preparación antes de participar?

-Non, ningunha preparación en absoluto, xa que cheguei á conclusión de que non tiña sentido prepararse para o concurso. A miña perspectiva é que neste concurso a sorte desempeña un papel fundamental, xa que o que che preguntan é puramente cuestión de coincidencia. Non importa canto te prepares: as preguntas deben coincidir perfectamente cos teus coñecementos. É certo que o público en xeral pode ter unha visión bastante restrinxida da música, pero a música en realidade abarca moito máis que iso. Ser músico exponte a distintas realidades. No meu caso, creo que a música me axudou a conectarme con realidades fóra do ámbito musical. Por exemplo, os músicos viaxan moito, o que nos permite coñecer diferentes lugares e persoas dentro e fóra do mundo da música. Isto, sen dúbida, proporciónanos unha vantaxe.

-Que é o que máis lle gustou do concurso?

-Gañar o concurso foi unha experiencia extraordinaria, e, aínda que poida parecer un tópico, quero destacar que o que máis valoro desta vivencia é a xente que tiven a oportunidade de coñecer. As relacións que xurdiron ao longo deste proceso son o verdadeiro tesouro que levo. Iso é o que quizá seguramente vai durar máis que os cartos.

-Houbo algún momento no que pensou que non o lograría?

-Pois, sinceramente, si. Penseino ao longo de varios programas, sobre todo o primeiro. Cando me vin arriba da escaleira e empatado con Rodolfo, eu xa levaba así unha especie de baixón. Sempre vin a posibilidade de que o gañase calquera; entón, tampouco me vía favorito nin gañador. Creo que é cuestión de ter sorte e de saber o que che preguntan nese momento.

-Como se sentiu ao gañar o bote?

-O que recordo é a sensación física, como de frío, desde a caluga ata as lumbares. Foi un frío raro, coma o que podes sentir nun hospital.

-Que pensa facer co premio?

-Estou así, como diría Alejandro Sanz, co corazón partido. Por unha parte, está o que debo facer e o que teño que facer. É dicir, gustaríame darme algún capricho, como algunha viaxe ou unha reforma na casa, que si que o farei, pero quero ser cauteloso e intelixente á hora de investir os cartos. Si que me gustaría cumprirlle ao meu fillo maior a ilusión e levalo aos xogos olímpicos e tamén tunear o meu instrumento, a miña tuba.

-Ten plans de volver a participar en distintos concursos?

-A verdade é que non, pero, como me guío un pouco por impulsos, pois tampouco che podo dicir con seguridade. Seguramente, como digo eu, me aclame a afección e, en calquera momento, me apunte a outro. Si que hai un que me faría ilusión, pero xa só polo feito de aparecer alí e poder saudar, e é o de Saber y ganar.

«Tocar o “Merengue de Santalla” foi un momento especial»

Iván Pantín asegura que unha das cousas que máis lle gustan de Atrápame se podes son as preguntas que se fan.

-Que lle pareceron as preguntas combinando temas de cultura?

-Esa é unha das cousas que a min máis me gusta. Hai algunhas que evidentemente che gustan máis ou menos. Normalmente gústanche as que sabes, claro. Pero teño que recoñecer que as baterías de preguntas son moi eclécticas, e eu creo que aí radica o éxito e a incerteza tamén.

-Cal foi a pregunta máis difícil de todo o programa?

-Quizá a pregunta máis arrevesada foi cando preguntaron de cantas illas está composta a cidade de Estocolmo. Creo que non é complicada, é rebuscada. Se tiveches a sorte de viaxar a Estocolmo, vas sabelo. Pero, se non fuches, non.

-A última pregunta referente aos xogos olímpicos, pensaba que a ía acertar?

-A xente cando o ve pode pensar que estou facendo un paripé, pero en absoluto. Tiña dúas opcións na miña cabeza e escollín a máis segura para min, pero podería ser calquera das dúas, non as tiña todas comigo. O que é o mundo do bádminton non o coñezo moito, pero si que me comentaron que o que vemos aquí non ten nada que ver co que sucede na China. Un xogador de bádminton cobra dez veces máis ca un futbolista en China.

-Cal diría que foi o momento máis emotivo que viviu no concurso?

-Ademais do momento de gañar o premio, foi o programa catro, onde se nos coñecía un pouquiño máis a fondo. Foi aí cando levei a tuba e toquei. Foi un momento moi especial poder ensinar o instrumento en televisión. Tiven a oportunidade de tocar o Merengue de Santalla, que é unha canción que me gusta moito e que para Paco Lodeiro ten as súas implicacións sentimentais, porque a cantaba cando estaba coa orquestra Los Satélites.

-Como celebrou o seu premio?

-Se son sincero, a celebración aínda está posposta, porque, ata agora, a única que o sabía era a miña muller. Entón, non podía celebrar moitas cousas. Pero, a partir de agora, aínda que non teño un plan concreto, si que penso celebralo cos meus.