Patrocinado por:

O Clúster TIC e o CPEIG xuntan forzas para mellorar o hipersector galego

La Voz

OCIO@

Á esquerda, o presidente do Clúster e á dereita, o do CPEIG
Á esquerda, o presidente do Clúster e á dereita, o do CPEIG

Asinado un convenio de colaboración entre as dúas entidades con iniciativas en estudos, investigación e formación

15 abr 2015 . Actualizado a las 15:20 h.

O presidente do Clúster TIC, Antonio Rodríguez del Corral, e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, asinaron esta mañá en Santiago de Compostela un convenio de colaboración. O acordo busca, en termos xerais, «desenvolver actividades de carácter formativo, divulgador e de estudo e análise en materias das competencias tanto do Cluster TIC coma do CPEIG, todas elas a prol do hipersector TIC galego».

Modalidades de colaboración

As modalidades de colaboración consistirán na realización de cursos, xornadas, seminarios e outras actividades de divulgación de interese para as empresas socias do Clúster TIC. Ademais, promoveranse iniciativas de promoción e de realización de actividades de estudo e de análise entre ambas as dúas institucións mediante proxectos de investigación ou de elaboración de informes conxuntos e a edición conxunta dos respectivos libros, publicacións e documentos resultado deses traballos e actividades. 

Asemade, realizaranse estudos e análises sobre o estado de certas tecnoloxías TIC e a súa aplicabilidade en produtos das empresas socias do Clúster TIC, e tamén actividades de apoio á definición e promoción de proxectos tractores do Clúster.

En opinión do presidente do CPEIG, «aínda que o Colexio vén colaborando de xeito intenso co Clúster TIC coma un dos seus socios fundadores e membros dos seus órganos de goberno, a formalización da colaboración entre as dúas entidades visibilizada neste convenio permitirá estudar e mellorar as competencias do capital humano das empresas do sector TIC, onde están moitas das nosas colexiadas e colexiados, e axudar a ditas empresas sociais do Clúster a xerar tecido TIC creando novos produtos e mercados». 

Pola súa banda, o presidente do Clúster indicou que «este novo ámbito de traballo do Clúster co CPEIG que consolida a nosa política de alianzas que favorezan o crecemento das empresas TIC galegas. Os colexios profesionais deben colaborar cos Clusters empresariais  para axudar a que cada empresa atope os recursos necesarios para a súa expansión. Con este convenio reforzaremos a busca de solucións ás necesidades detectadas en recursos humanos nas empresas TIC galegas. Ademais, colaboraremos con CPEIG na difusións das mellores prácticas en políticas  de desenvolvemento do sector TIC, en formulación de novos proxectos innovadores, en atracción de novos estudantes as nosas especializacións profesionais  e en descubrimento do novo talento que axude as nosas empresas a competir no mercado internacional». 

O convenio rubricado hoxe inscríbese nas estratexias deseñadas polo Clúster TIC para facilitar o crecemento do sector en Galicia e no fomento da relación e cooperación entre as entidades asociadas e destas co Clúster.