Jenaro Castro: «Non hai informativos máis obxectivos que os de TVE»

Beatriz Pallas REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

O veterano programa, dirixido polo xornalista lucense, cumpre 40 anos

29 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Informe semanal cumpre mañá sábado corenta anos de historia e ao xornalista lucense Jenaro Castro tócalle celebralo como director do veterano programa informativo de TVE, que será sometido a unha renovación da súa estética e a súa sintonía.

-¿Estamos ante unha nova época de «Informe semanal»?

-Cada novo equipo directivo que chega marca unha nova etapa. Durante corenta anos houbo moitos equipos e o programa é o resultado das sucesivas etapas e os numerosos profesionais que pasaron por el.

-Vai cambiar mesmo a súa histórica sintonía.

-Temos nova cabeceira, nova sintonía e imos cambiar tamén o decorado e o grafismo, porque Informe semanal non é alleo ao cambio dos tempos. Hai que evolucionar, tendo sempre presentes as vellas sintonías, que xa cambiaron varias veces.

-Unha das reportaxes que se emitirá no aniversario titúlase «Informe semanal, 40 quilates». ¿É este programa a xoia de TVE?

-Informe semanal está considerado o buque insignia dos informativos de TVE polo seu prestixio e percorrido histórico. Os informativos de TVE en xeral, que están por enriba das persoas e son a marca da casa, son a xoia dos informativos de todas as televisións, porque ao fin e ao cabo moitos profesionais das outras canles saíron de aquí.

-O espazo ven sendo criticado nos últimos tempos por facer presuntamente información parcial. ¿Que opina disto?

-Antes do cambio do equipo de goberno tamén se falaba de críticas por parte de quen estaba na oposición, pero entón non se trasladaban da mesma maneira á opinión pública. Nós encaixamos as críticas con deportividade, así ten que ser nunha televisión pública, pero desde o punta de vista da dirección cremos que non son obxectivas, baséanse en xeneralidades e responden a unha estratexia dirixida.

-A defensora do espectador reprochoulles o trato dispensado á traxedia do Madrid Arena.

-A defensora persoalmente sacou tres críticas á reportaxe do Madrid Arena dun total de 1.500 queixas que recibiu sobre distintos asuntos. Lamentamos que ese informe coincida co corenta aniversario do programa, pero aceptámolo e tamén reclamamos que se teñan en conta as moitas felicitacións e eloxios que recibimos por esa reportaxe e dos que a defensora non se fai eco e que, polo que parece, non recibiu.

-¿É inevitable que a oposición, sexa cal sexa o partido, se sinta sempre maltratada por TVE?

-Á vista dos anos que levo aquí, dá a impresión de que iso forma parte xa da televisión pública. Pero non o vexo inevitable e espero que por saúde democrática TVE estea por enriba das disputas políticas. Non creo que haxa informativos máis obxectivos que os de TVE.

-¿Como se explica a baixada de audiencias?

-Creo que tamén é algo que está no imaxinario e na interpretación retorcida dalgúns. Cando eu collín Informe semanal recuperamos 500.000 espectadores con respecto ao último mes da etapa anterior. Pero sería inxusto non recoñecer que nese mes, en agosto pasado, houbo Xogos Olímpicos e que iso afectou negativamente á súa audiencia porque houbo sábados que o programa non se emitiu.

-Nos anos que leva na casa, ¿cal foi a mellor etapa de TVE?

-A mellor está sempre por vir. Non hai que mirar atrás con morriña, senón ter en conta a contribución de corenta anos de talentosísimos profesionais que pasaron por Informe semanal e ver que cada etapa tivo os seus defectos e as súas virtudes. Esperamos seguir tendo sempre o prestixio e a calidade que fixo que varias xeracións teñan seguido o programa.

-¿Como se viven os recortes desde dentro?

-Con inquedanza, pero con absoluta conciencia de que non podemos ser alleos aos axustes. Pero isto non afecta a Informe semanal. A austeridade que aplicamos súplese con sacrificio e traballo.