Cristina Iglesias: «Como actriz e como muller é duro interpretar a África»
TELEVISIÓN

Cristina Iglesias fala das dificultades cas que se atopou para interpretar o papel dunha prostituta
10 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Cristina Iglesias (A Coruña, 1993), actriz que encarna a África en Serramoura, fala das dificultades de interpretar a unha prostituta.
-¿Como mudou a súa vida dende a rodaxe de «Serramoura»?
-Mudou profesionalmente porque principiei este ano a miña vida profesional como actriz en audiovisual con África. Evidentemente era seguidora de Serramoura, polo que entrar a traballar nela é unha verdadeira honra. Por outro lado, foron uns meses de moita aprendizaxe, todo o equipo está disposto a axudar e sempre recibín o apoio por parte dos meus compañeiros. O ambiente é moi bo.
-¿Por que cre que a xente non debe perderse este «thriller»?
-Primeiro, porque está ambientado nunha vila en Galicia e segundo porque todos os galegos nos sentimos identificados co tipo de personaxes da aldea. Tamén creo que a todos nalgún momento gustaríannos que fóra real. Molaría que houbese este tipo de historias. Creo que é un paso que vai máis aló na televisión de Galicia. Xa que é unha serie que interesa á xente nova. E iso é todo un logro.
- ¿Que lle parece máis fácil a hora de actuar, facer rir ou chorar?
-Non o sei. É difícil facer crible algo dramático xa que é moi fácil caer no ridículo. Por outro lado, entender o ritmo de comedia é complicado. Imaxina non ter un bo día e ter que facer rir a xente.
-A serie percorre algúns dos lugares máis fermosos da provincia da Coruña. ¿Tivo a oportunidade de coñecer algún novo?
-Realmente o que máis coñecín foi o Mesón do Vento. Descubrín sitios para comer estupendos, recordo especialmente un lugar onde facían unha torta de queixo moi rica. Máis que coñecer sitios a nivel de paraxes, comer fóra reafirmou o guai que se come aquí.
-¿Sentiu cómoda co seu personaxe? ¿Necesitou realizar unha preparación especial para elo?
-África é unha prostituta. Por moito que pensemos que sabemos dese mundo, non temos nin idea do que pode chegar a pasar unha persoa nesa situación. É certo que fixen un estudo do personaxe, de como unha persoa tan nova se encontra nesa situación, onde está a súa familia, de onde ven... Como actriz e como muller é duro interpretar a África. A recepción na rúa é un exemplo total da situación de exclusión que sofren estas mulleres, enténdese como algo negativo. Serramoura convértese nun reflexo da sociedade, de como se trata a este sector. Ao final Serramoura convertese nunha crítica. Por outra parte, gústame que África xere certa confusión, xa que o público non sabe se é boa ou mala.
-Finxir ser outro é un xogo apaixonante. ¿Cando remata a súa personalidade e empeza a do seu personaxe?
-Eu creo que antes da interpretación intentas razoar as cousas dende fóra para ser obxectiva. Cando te metes nun personaxe sempre atopas cousas en común con el, descobres facetas de ti que non coñecías. Tamén qué opinas da súa profesión, poñerte na súa situación, fai que te prantexes moitas cousas. Non é o mesmo ver un personaxe dende fóra que velo dende dentro, cando encarnas o personaxe ves o que pode chegar a sufrir. Fai que se cree unha sensibilidade, chegan a ser reais, e creo que iso é positivo. Replicar condutas faiche aprender da vida tamén.