Unha mostra recolle un milleiro de obxectos das cociñas galegas antigas
19 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.Salvaterra converteu o colexio de Alxén nunha gran exposición etnográfica sobre a cociña galega nos séculos XIX e a primeira metade do XX. A dependencia esencial nas vivendas campesiñas era a cociña. Ela fai xirar ao seu arredor todo o vivir dos moradores, que dependen dela e na que fan a case totalidade da súa estancia mentres permanecen dentro da casa.
A cociña non é soamente a peza destinada a preparar o xantar; nela xúntase a familia para comer, recíbense as visitas, mantéñense as conversas, gárdanse as provisións, procúrase o seu calor nas noites do inverno e, en moitas delas, dórmese pola noite.
Dentro da cociña o elemnto fundamental é a lareira. En esencia, é unha lousa de pedra sobre da que se acende o lume. Esta lousa non sempre presenta o mesmo aspecto.
Lousas, leiteiras, tixolas... Os utensilios da cociña están presentes na mostra na que poden verse máis de un milleiro de obxectos. A meirande parte proceden das casas dos alumnos e profesores.
A mostra foi coordinada pola profesora Pilar González Casas, responsable de Normalización Lingüístca. Un dos obxectivos da exposición é a recuperación das verbas que están a esquecerse por falta de uso. Por exemplo, o galleiro que se usa para poñer o pan e outros alimentos. Co nome de alzadeiros coñécense unhas pequenas táboas que se penduran das trabes por medio de catro listóns de madeira e nos que se gardan o unto e os queixos.