Iria Misa e David Pérez obteñen respectivamente o Premio Jules Verne e o Merlín respectivamente
05 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.«A ira dos mansos é unha novela negra cun acusado enfoque social, que supón, para o protagonista e para as persoas que a lemos, unha viaxe de superación de moitos prexuízos. Cuestionando a normalidade e a perfección e obrigando á reflexión, as palabras das súas páxinas derruban as barreiras emocionais do personaxe principal», di o xurado dos Premios Xerais para referirse a A ira dos mansos, a novela de Manuel Esteban Domínguez gañadora na edición deste ano.
Os premios, que foron entregados onte na illa de San Simón, no fondo da ría de Vigo, tiveron tamén como protagonistas a Iria Misa (Gondomar, 1983) e David Pérez (Ames, 1962). A primeira foi recoñecida co galardón Jules Verne de Literatura Xuvenil pola súa obra Xa non estou aquí. «É unha novela que fala de sentimentos universais: a necesidade de pertenza a un grupo, de comprensión, a soidade... A intriga artéllase arredor da desaparición da protagonista, misterio que se irá desentrañando ao longo da novela a través dos distintos puntos de vista dos personaxes», explica a autora.
Pola súa banda, David Pérez foi o gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil con Todo o tempo do mundo. «É unha novela sobre a perda e o descubrimento. Unha nena que volve á aldea dos seus pais, onde xa só vive un avó que apenas coñece. Unha aldea no límite da desaparición, ameazada polas canteiras e o despoboamento. Nela cada xesto cotián ten a reverberación do único, do esencial», explica este profesor de lingua cunha longa traxectoria na escrita.
A gala literaria de Xerais consistiu nun acto literario-musical, celebrado no auditorio da illa de San Simón. Á velada asistiron arredor de tres centas persoas, entre as que se atopaban Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Xosé Antonio Perozo, presidente de GALIX; Xosé Ballesteros Rei, presidente da Asociación Galega de Editoras; e Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de librarías de Galicia, entre outras persoas
Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, abriu a velada, na que Lydia Botana se ocupou do apartado musical do serán, salientando o feito de que Xerais, tras trinta e sete anos de historia, superara este ano 2016 os catro mil títulos publicados en lingua galega nun catálogo de mil trescentos autores e autoras e os once millóns de exemplares vendidos, cifras que cualificou de «éxito colectivo». Así mesmo sinalou a importancia da continuidade destes premios dende hai tres décadas, nos que nesta edición de 2016 participaron 89 orixinais entre as tres modalidades de novela, literatura xuvenil e literatura infantil.
A escritora Ledicia Costas, que esta semana recibiu o Premio Nacional de literatura Infantil e Xuvenil, como mantedora literaria desta velada, comezou o seu discurso lembrando a súa experiencia como lectora dende cativa. «Se boto a vista atrás, cousa que fago con certa frecuencia, recoñezo o moito que lle debe a miña xeración ás xeracións anteriores. Ser escolarizada en galego foi determinante para min, unha nena educada integramente en castelán. Aquelas obras que caeron nas miñas mans a principios dos anos noventa abriron unha porta branca por onde empezaron a desfilar en ringleira os personaxes dos libros que me volveron poliédrica», dixo a escritora viguesa.
Pechou o acto Manuel Bragado, director da editorial, que agradeceu a axuda da Consellaría de Cultura e Educación e Ámbito Cultural El Corte Inglés. Agradeceu o traballo das persoas do xurado e parabenizou á gañadora e gañadores que expresan o dinamismo e a vontade de renovación da literatura galega.