A guerra «naval» do xeito coa traíña

Xesús Cancelas Franco

MOAÑA

Na primeira década do s. XX o cambio de embarcacións provocou enfrontamentos

08 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Nesta magnífica estampa da Xunqueira de Moaña, encargada polo alcalde José Parada Costa ao fotógrafo Jaime Pacheco, máis alá de que se aprecia no alto o grupo escolar de Quintela recién feito, o peirao de madeira tamén novo e lateralmente a estrada Cangas-Camposancos, evócasenos a través das embarcacións varadas nas dunas da praia unha época importante no noso municipio.

No último cuarto do século XIX a pesca comeza a ter unha importancia capital na nosa vila, secularmente ligada á produción agrícola. Os fomentadores cataláns que tiñan chegado un século antes para instalar industrias da salgadura que transformarían en fábricas de conserva, trouxeron tamén novas embarcacións e artes de pesca, concretamente a traíña que levaba máis de 20 mariñeiros e a arte chamada traíña ou cerco de xareta, legalizadas no Cantábrico desde 1883.

Na nosa ría vaise introducindo pouco a pouco e provocou grandes protestas por parte dos xeiteiros que pescaban con dornas, botes e outras embarcacións de cinco ou seis mariñeiros. O 5 de maio de 1891 un grande número de mariñeiros de Tirán, Moaña e Cangas desembarcaron acompañados das súas mulleres e fillos na Ribeira do Berbés e manifestáronse ata a comandancia de mariña en contra do uso do trabuquete que era unha das novas artes e dicían que dañaba a pesca.

Nos anos seguintes hai numerosos enfrontamentos. Suliñamos algúns: o día 26 de outubro de 1900 foron dinamitadas en Moaña sete traíñas, a maioría de armadores vigueses aínda que as tripulacións eran de Moaña. Por estes feitos detiveron a José Vidal de Tirán e José Tenorio, patrón dun boliche de Moaña.

O 5 de outubro de 1901 durante a visita do ministro de Mariña a Cangas unha representación de dez armadores e patróns de Moaña presentados polo exalcalde Sequeiros din estar dispostos a desfacerse das traíñas e comprar xeitos se se suprimen para todos. No 1902 xa consta a convivencia das dúas formas de pesca en Moaña. O 4 de novembro celébrase en Vigo unha manifestación a favor da traíña con apoio de todas as parroquias. De Meira e do Con saen dous vapores remolcando trinta traíñas coas súas tripulacións para asistir á dita protesta que sumou cinco ou seis mil persoas. No 1911 o conflito estaba decantado a favor da traíña e o estudoso Benigno Rodríguez Santamaría publica o Diccionario ilustrado no que se afirmaba que un porto de pouca importancia como Moaña prosperou moitísimo por admitir os cercos, mentres Cangas sufríu considerables perxuízos por non admitilos.